Erdogán di que "liquidará" o PKK e rexeita negociar

Esta quinta feira unha concentración na Coruña en repulsa pola represión ao pobo curdo e unha palestra en Ourense denunciarán no que está a acontecer no Curdistán. 

MMM

O presidente da Turquía, Tayyip Erdogán rexeitou cesar a súa política represiva contra o pobo curdo no leste do país e avanzou que a estratexia do seu goberno se dirixe a "liquidar" o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). 

"No próximo período", sinalou Erdogan a respeito da etapa que se abre após a ofensiva desenvolvida nos últimos meses, "nen a organización terrorista separatista, nen o partido que controla, nen outras estruturas serán aceptadas como parte (das negociacións)", dixo segundo as declaracións recollidas polo diario local turco Hurriyet. 

Aliás, Erdogán lanzou unha clara ameaza á "organización, deputados e líderes municipais" que "responderán perante a xustiza polo que fixeron". 

Desde o HDP --partido procurdo-- denuncian o asasinato de civís durante a ofensiva militar desenvolvida por Ankara, mesmo o seu dirixente Osman Baydemir, exixiu desde Bruxelas que a UE interveña para que esta cese, lembrando que no marco das negociacións que manteñen a Unión e Turquía perante a crise de persoas refuxiadas se están a ocultar os "crimes" contra o pobo curdo. "O acordo sobre refuxiados non debe enmascarar esta masacre", dixo. 
 

A loita curda 

Desde Galiza, distintas organizacións e colectivos están a se sumar ao movemento de solidariedade internacionalista que quer denunciar a situación que atinxe o pobo curdo, nomeadamente na Turquía. 

Neste senso, a Marcha Mundial das Mulleres convocou para esta quinta feira (21 de xaneiro) unha concentración fronte ao consulado turco na Coruña ás 20h. No concreto, o movemento feminista internacional está a reaxir ao asasinato de Pakize Nayir, Fatma Uyar e Sêve Demir polas forzas de seguridade do goberno turco o 4 de xaneiro en Silopi.

Unha delas, Séve Demir, coordenou os eventos de lanzamento da Caravana Feminista en Nusaybin polo que din, sentírense "moi golpeadas por este crime". Aliás, a Marcha Mundial das Mulleres e Mar de Lumes organizan unha palestra no CS A Galleira (Ourense) ás 20h baixo o lema 'Curdistán: unha loita contra a barbarie'.

Comentarios