luns 20.01.2020

Erdogan avanza na suspensión de dereitos fundamentais após o golpe

Instaura o estado de emerxencia durante 3 meses e suspende a Convención europea de dereitos humanos. 

[Imaxe Carlos Latuff]
[Imaxe Carlos Latuff]

"Franza tamén o fixo". Asi xustificou o presidente turco, Tayyip Erdogan a suspensión temporal da Convención europea de dereitos humanos e a instauración do estado de emerxencia por un período, a priori, de tres meses. 

O goberno do AKP continúa avanzando na suspensión de dereitos fundamentais após o falido golpe toda vez que o estado de emerxencia permitirá ao executivo dar "de maneira máis eficiente os pasos para eliminar o antes posíbel a ameaza á democracia, o estadode dereito e os dereitos dos nosos cidadáns", asegurou o propio Erdogan cando anunciou a medida, recollida no artigo 120 da Constitución. 

O estado de emerxencia autoriza as forzas policiais a practicar detencións e rexistros sen ordes xudiciais; decretar toques de queda, prohibir manifestacións e concentracións

Entre outras cuestións, autoriza as forzas policiais a practicar detencións e rexistros sen ordes xudiciais; decretar toques de queda, prohibir manifestacións e concentracións, censurar informacións ou mesmo suspender contratos laborais. 

Malia tratarse de dereitos fundamentais Erdogan asegura que "non é en absoluto contra a democracia, o estado de dereito e a liberdade" senón que "ten o propósito de afortalare protexer eses valores". 

Detencións e pena de morte

Porén, nos días posteriores ao golpe militar o seu goberno iniciou un proceso de "limpeza" como definiron dirixido contra milleiros de persoas ás que se acusou de facer parte da contorna do mesmo e de actuar en apoio a quen atribúen ser o cerebro instigador, Fetullah Gülen. Entre membros das Forzas Armadas, policía, xudicatura, fiscalía, profesorado e demais persoal da función pública suman xa máis de 55 mil persoas suspendidas e 11 mil detidas. 

Medidas que defende como "legais" como tamén a reinstauración da pena de morte que estuda aplicar. Neste senso, Erdogan tamén recuncou procurando exemplos fóra das fronteiras turcas e europeas, "teñen pena de morte en EUA, Rusia, China e moitos outros países?, si", dixo nunha entrevista concedida a Al-Jazeera. "Se o Parlamento toma esa decisión, entón o deberdas autoridades no poder é despexar o camiño para reintroducir ese castivo", advertiu. 

comentarios