Represión en Turquía

Erdogan aplica man dura no Exército e na Xustiza após o intento de golpe de Estado

Após o golpe de Estado falido en Turquía, o presidente do país, Recep Tayyip Erdogan, aplicou unha durísima represión contra quen considera responsábeis da sublevación, principalmente no Exército e na Xustiza.

Tayyip Erdogan
photo_camera Tayyip Erdogan

Amais das 265 persoas mortas no intento de golpe, o balanzo que deixou tras de si a noite da sexta feira garda no seu haber 2.839 militares, dous deles xerais, e dez xuíces do Danistay –un dos organismos máis altos da xudicatura turca- detidos. Aliás, oito militares fuxiron a Grecia, país ao que pediron asilo.

A represión de Erdogan deixa tamén unha trintena de xuíces en busca e captura e unha orde de arresto contra 140 xuíces do Tribunal Supremo. Tamén se anunciou a destitución de 2.745 xuíces máis. Desta maneira, o polémico presidente turco, cuestionado polas prácticas antidemocráticas dos últimos tempos, trata de anular todo o que lle resulta molesto.

Pena de morte

Entre as medidas que pode traer consigo o golpe falido da sexta feira atópase a pena de morte, que fora abolida en Turquía en 2002 para abrir camiño cara á integración na UE. O Goberno turco admitiu que recuperar a pena de morte é unha das posibilidades que barallan após a sublevación do Exército.

O propio Erdogan, na madrugada do sábado, xa advertira de que “os responsábeis pagarán un prezo moi alto” polo “acto de traizón”. O presidente turco, que leva no poder desde o 2014 grazas ao 51,8% dos votos, cualificou o intento de golpe como “un regalo de deus que permitirá limpar o Exército”.

Comentarios