ERC superaría JxCat e colocaríase á par de Cs se se repetiren as eleccións en Catalunya

Ese é o prognóstico do Centro D'Estudis de Opinió (CEO), o instituto demoscópico catalán. A sondaxe, realizada do 10 ao 30 de xaneiro, sinala que por vez primeira a oposición á independencia de Catalunya superaría 50 por cento das persoas inquiridas. Porén, 55 por cento son favorábeis ao procés, isto é, ao direito a decidir.

Oriol Junquera e Marta Rovira (Imaxe: ERC)
photo_camera Oriol Junquera -na prisión de Estremera desde 2 de novembro- e Marta Rovira -en liberdade con cargos e após o pagamento dunha fianza de 60 mil euros

A estratexia de manter a tensión co Estado que ten despregado o staff político de Carles Puigdemont, o president exiliado en Bruxelas, non estaría a dar os seus froitos, se nos atemos aos resultados que oferece o último traballo do CEO. De acordo con este inquérito, JxCat cedería a ERC a primeira praza no escalafón do independentismo. A lista do president podería ceder até 5 escanos (ao pasar dos actuais 34 a 29-31), en tanto que a marca liderada por Oriol Junqueras incrementaría o seu score do 21-D entre 1 e 3 asentos no Parlament, saltaría dos 32 asentos de decembro a un abano entre os 33 e 35. Destarte, a formación republicana colocaríase practicamente á par de Ciudadanos, entre outras cousas porque a formación liderada por Inés Arrimadas perdería entre 1 e 3 escanos (descería dos 36 do 21-D a entre 33-35).

De todos xeitos, os dados hainos que tomar con moita cautela, porque a experiencia recente mostra que os inquéritos tenden a sobre-representar ERC na mesma medida en que infravaloran Junts per Catalunya.

O inquérito chega nun momento moi delicado das negociacións actualmente en curso no seo do bloco soberanista para desbloquear a sesión de investidura de Puigdemont. ERC estaría disposta a aceitar unha presidencia bicéfala -cun president simbólico en Bruxelas e outro executivo en Barcelona- en mans de JxCat mais demandaría unha vicepresidencia de forte contido político e non só económico.

Aliás, o inquérito non pon en perigo a maioría soberanista, dado que a caída experimentada pola suma de JxCat e ERC (dificilmente poderían alcanzar conxuntamente os 66 escanos do 21D) vese máis que compensada polo crecimento que se prognostica para a CUP, que podería dar un pulo desde os 4 escanos a entre 7 e 8.

Canto ao unionismo, e para alén do retroceso de Cs, a tendencia de PP e PSC é descendente, sendo que a formación conservadora obtería entre 3 e 4 escanos (4 o 21D) e a socialdemócrata, entre 15 e 16 (17). Catalunya en Comú ficaría como está, con 8 asentos no Parlament.

Queda do apoio á independencia

O inquérito trae algunhas noticias inquietantes para o independentismo. O dado máis rechamante é, sen dúbida, que por vez primeira as persoas contrarias á independencia representan 53,8 por cento das inquiridas (10 pontos máis que na sondaxe anterior do CEO), mentres que só apoiarían a criación dun Estado catalán independente 40,8 por cento (8 pontos menos que na mostra demoscópica de outubro). Por tanto, neste momento o non á independencia superaría o si en por volta de 14 pontos.

Todo indica que o inquérito rexista un certo cansanzo social ante o bloqueo da situación política catalá e ante a constatación de que a vía rápida cara á independencia é a día de hoxe unha quimera.

55 por cento continúan a prol do procés, isto é, do direito a decidir do pobo catalán, fronte a un 20,8 por cento que defende a retirada do proceso e aposta pola participación na comisión aberta no congreso para reformar a Constitución

Mais o CEO dá para outro titular: 55 por cento continúan a prol do procés, isto é, do direito a decidir do pobo catalán, fronte a un 20,8 por cento que defende a retirada do proceso e aposta como alternativa pola participación na comisión aberta no congreso para eventualmente reformar a Constitución. 11,7 por cento é partidaria de manter o actual statu quo, sen ningún tipo de reforma, e apenas 2,2 por cento opta por Estado aínda máis centralista.

Indo máis ao miúdo, ao desagregar os dados do continxente social (55 por cento) que continúa a aderir o procés, veríamos que só 19 por cento é partidario da independencia pola vía unilateral, en tanto que 39,5 prefire un acordo negociado con Madrid.

Comentarios