martes 14.07.2020
Investidura

ERC situará Pedro Sánchez na Presidencia

O Consell Nacional de ERC aproba que a formación republicana se absteña no debate de investidura no Congreso dos Deputados, facilitando así a Pedro Sánchez recuncar na Presidencia.

Pere Aragonès, vicepresident catalán, e o portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián (Imaxe: Europa Press)
Pere Aragonès, vicepresident catalán, e o portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián (Imaxe: Europa Press)

Quinta feira, 2 de xaneiro, o Consell Nacional de Esquerra Republicana de Catalunya votou a favor do acordo logrado pola súa comisión negociadora co PSOE e isto significa que ERC se absterá na votación de investidura no Congreso dos Deputados e facilitará, por tanto, que Pedro Sánchez consiga de novo a Presidencia e forme o Goberno de coalición con Unidas Podemos.

O documento consensuado entre ambas as forzas políticas logra desbloquear a investidura no Estado e, a cambio, o Partido Socialista comprométese a unha mesa de negociación entre o Goberno catalán e o central para buscar unha solución ao conflito político en Catalunya e a someter a consulta cidadá as conclusións desa mesa de diálogo que, segundo transcendeu, non terá liñas vermellas polo que nesa mesa entre ambos os Executivos tamén se falará do dereito de autodeterminación.

A decisión tomouse "por ampla maioría", segundo informou ERC nun comunicado após  a reunión do Consell Nacional. Co acordo conseguido e coa súa ratificación polo órgano de dirección republicano, ERC pasou do seu 'non' inicial á investidura de Sánchez a anunciar agora a súa abstención.

No comunicado, ERC sinalou tamén que a mesa de negociación entre Gobernos realizarase nun prazo de 15 días e que "actuará sen máis límites que o respecto aos instrumentos e aos principios que rexen o ordenamento xurídico democrático e estabelecerá un calendario para as súas reunións e para apresentar conclusións".

"O obxectivo é conseguir acordos que teñan un amplo apoio da sociedade catalá e impulsar a súa efectividade a través dos procedementos oportunos, someténdoos a consulta á cidadanía de Catalunya", engade o texto de ERC.

Ademais, conclúese que a mesa de negociacións coordinarase co resto de espazos de diálogo institucional e parlamentarios que xa existen, como a Comisión Bilateral entre Generalitat e Estado recollida no Estatut, e a mesa de diálogo entre partidos cataláns.

comentarios