PDeCAT afirma que as palabras de Torra foron malinterpretadas

ERC reafirma a súa aposta na "vía catalá", democrática e pacífica

O apelo á vía eslovena formulado este domingo por Quim Torra no acto de constitución do Consell per la República non achou eco nas filas de ERC. Quer o president do Parlament, Roger Torrent, quer a portavoz do partido, Marta Villalta, reafirmaron esta segunda feira a súa aposta na "vía catalá", un conduto polo que queren transitar desde o "pacifismo, o civismo e a democracia".

Roger Torrent, comparecencia no Parlament. 30 de xaneiro de 2018.
photo_camera Roger Torrent, nunha comparecencia no Parlament.

De importar modelos alleos a dirixencia de ERC olla para Escocia e non para Eslovenia. No Reino Unido houbo un referendo pactado. Na antiga Iugoslavia, unha consulta non autorizada por Belgrado e unha guerra exprés de 10 días que acabaría co nacimento dun novo estado en Europa, en boa parte polo rápido recoñecimento do desmembramento da federación balcánica por parte de Berlín.

Esta segunda feira, as forzas políticas soberanistas catalás saíron ao paso da adhesión de Torra á vía eslovena. ERC marcou distancias, aínda que evitou desautorizar expresamente o president.

O PDeCAT, por súa parte, optou por afirmar que os medios malinterpretaron as palabras do dirixente de Junts per Catalunya. "O movimento independentista é un movimento non violento, cívico", dixo a vicepresidenta do partido, Míriam Nogueras, en tanto que o líder orgánico da formación, David Bonheví, atribuíu o equívoco a que Torra —que recentemente mantivo unha entrevista en Liubliana co presidente da República eslovena, Borut Pahor— se refería ao paralelismo que cabía estabelecer entre os referendos realizados por ambos países, ambos non autorizados polos estados respectivos, en 1990 por Belgrado e o 1 de outubro de 2017 por Madrid.

Alusión ao 155

Mentres tanto, a vicepresidenta do goberno español, Carmen Calvo, non descartou o uso do 155 contra o autogoberno catalán, após considerar moi grave que os Mossos d'Esquadra non interviñesen para evitar o levantamento das barreiras das autoestradas do Principat por parte dos CDR. Un portavoz do principal sindicato policial catalán declarou esta segunda feira na SER que o corpo de seguranza non actuou porque non recibiu ningunha orde nese sentido por parte da Consellaría de Interior.

"Isto non pode voltar a ocorrer", dixo a número dous do executivo español, quen a seguir avanzou que os acontecimentos deste domingo "terán consecuencias".

En todo caso, Calvo alegou que o hipotético uso do 155 —activado por Mariano Raxoi o mesmo día en que se produciu a declaración de independencia no Parlament, en outubro de 2017, e desactivado cando Quim Torra tomou posesión da presidencia da Generalitat— sería "a última medida a tomar". Antes desa, sinalou, as leis facultan o goberno para adoptar outras, que non precisou.

Comentarios