Investidura no Estado

ERC, pendente da Avogacía do Estado para pechar ou non as negociacións

As negociacións entre ERC e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central fican pendentes das “últimas concrecións”, tal e como sinala a portavoz republicana Marta Vilalta. Mais a líder de Esquerra tamén sinala que sen coñecer a posición da Avogacía do Estado sobre Oriol Junqueras non haberá avances.

A secretaria xeral adxunta e portavoz de ERC, Marta Vilalta.


12/23/2019
photo_camera A secretaria xeral adxunta e portavoz de ERC, Marta Vilalta (Imaxe: Europa Press) 12/23/2019

Aínda que as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez fican pendentes das “últimas concrecións”, segundo informou a portavoz de Esquerra Republicana de Catalunya, Marta Vilalta, a formación republicana non dará ningún paso en firme sen coñecer antes a posición que a Avogacía do Estado tome sobre a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que recoñeceu Oriol Junqueras como eurodeputado desde o día 13 de xuño, data en que a Xunta Electoral Central proclamou os resultados dos comicios europeos de 26-M.

O Estado español non recoñeceu como europarlamentario o presidente de ERC ao este non poder recoller a acta de maneira presencial en Madrid por estar baixo prisión provisional e serlle denegado o permiso para poder saír para asumir o escano, un requisito imposto por España e que a xustiza europea non avala. Así mesmo, o TXUE recoñece que Junqueras tiña inmunidade como eurodeputado, o que evidencia que o Tribunal Supremo español vulnerou os dereitos de Junqueras.

Marta Vilalta explicou que a súa formación está á expectativa do informe da Avogacía do Estado sobre a sentenza do TXUE

Así as cousas, a secretaria xeral adxunta e portavoz de ERC, Marta Vilalta, explicou que a súa formación está á expectativa do informe da Avogacía do Estado sobre a sentenza do TXUE que, de acatar a resolución da xustiza europea en lugar de avogar pola vía represiva, posibilitará que ERC torne ás negociacións. As conversas están pendentes de "últimas concrecións" para dar credibilidade ao diálogo que ofrecen no Partido Socialista, sinalou ademais a voceira soberanista.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, asegurou Vilalta que nas negociacións foron avanzando, recoñecendo o PSOE que hai un conflito político en Catalunya e que se ten que resolver mediante o diálogo a través dunha ferramenta -unha mesa de diálogo- en que as e os republicanos piden que se poida falar de todo, o que inclúe o dereito de autodeterminación, que os gobernos falen de igual a igual, que teña un calendario e unhas garantías do cumprimento dos acordos.

"O que queda, máis aló de acabar de concretar algunha cuestión na definición da propia mesa, é facer críbel que esta mesa será útil para activar a vía política. Nós cremos que o é, queremos que o sexa, que sexa útil para toda a cidadanía e estamos na concreción de que verdadeiramente sexa o instrumento que todas as partes vexamos como útil", concretou Vilalta.

"Isto é o máis importante: como facer críbel que esta mesa de negociación -sen ser inxenuas e sendo escépticas, pero sen renunciar á oportunidade que nos dá esta mesa- facémola real e útil; unha ferramenta que creamos necesaria".

ERC realizou o sábado o seu congreso, onde aprobaron un relatorio político que debuxa a folla de ruta do partido no que sitúan diversas formas de levar a cabo un referendo e Vilalta insistiu na entrevista en que esa idea é "compatíbel" coa negociación co PSOE, xa que un dos puntos que debe ter esa mesa de diálogo é que se poida falar de todo.

Preguntada por se lle poñen límite no tempo a esa negociación para atopar a solución ao conflito, respondeu que ERC "nunca pechará a vía do diálogo, porque é unha bandeira que levantou sempre e que nunca baixará".

"Nunca renunciaremos ao diálogo, e concretámolo nesta mesa de negociación na que agora quereriamos que sentasen Catalunya e o Estado español", sinalou Vilalta

"Nunca renunciaremos ao diálogo, e concretámolo nesta mesa de negociación na que agora quereriamos que sentasen Catalunya e o Estado español, é evidente que non estaremos anos e anos e anos se non hai avances. Ten que haber un límite temporal -sen présa pero sen pausa-, que permita chegar a uns acordos cunhas conclusións que poidan validarse e implementarse", sinalou.

O que si descartou a dirixente republicana é que na actual negociación co PSOE estea sobre a mesa un acordo sobre os Orzamentos Xerais do Estado 2020, porque non están a levar a cabo unha negociación "tradicional".

"Estamos sentadas falando co PSOE para poder crear este instrumento, a mesa de negociación, que nos permita empezar estes traballos para solucionar democrática e politicamente o conflito. Despois, se isto avanza, se a mesa de negociación sae adiante, xa nos poremos ao outro", mais sería noutra negociación posterior á investidura.

O PSOE precisa ERC

Preguntada por se cre que no PSOE teñen alternativas de non conseguiren o aval republicano, explicou: "Non vemos os partidos de dereitas nin de extrema dereita dispostos a facilitar unha investidura nin vemos Sánchez coa intención de pactar agora coas dereitas".

"De feito, por iso nós vemos esta oportunidade para poder facer valer a forza das urnas das últimas eleccións e traducir aqueles votos , traducir a confianza que nos deu a cidadanía, nalgún resultado", concluíu.

Comentarios