sábado 11.07.2020
Investidura

ERC pacta co PSOE someter a unha consulta cidadá o resultado da mesa de diálogo

O acordo de investidura alcanzado entre as delegacións negociadoras do PSOE e de ERC inclúe unha mesa de diálogo entre os Gobernos central e da Generalitat e unha consulta cidadá sobre as conclusións ás que chegue esa mesa.
Reunión negociadora entre ERC e PSOE
Reunión negociadora entre ERC e PSOE

Quinta feira, 2 de xaneiro, o Consell Nacional de Esquerra Republicana de Catalunya decidirá se posibilita a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central. A espera da reunión do órgano de dirección republicano e no derradeiro día do ano 2019, coñeceuse que o acordo alcanzado entre as comisións negociadoras do PSOE e de ERC, que inclúe unha mesa de diálogo para a resolución do conflito catalán entre o Executivo central e o Govern da Generalitar, contén tamén o compromiso de someter a consulta cidadá as conclusións as que chegue esa mesa de diálogo.

Por tanto, “os acordos da mesa de diálogo entre ambos os goberno serán sometidos a validación democrática a través dunha consulta á cidadanía de Catalunya”, di o propio texto pactado entre ERC e PSOE, segundo avanzou o Diari Ara esta terza feira, 31 decembro.  

O medio catalán explica que este pacto prevé que a mesa se poña en marcha cedo e tamén publica que a idea é que á primeira reunión acudan os presidentes do Goberno e da Generalitat, Pedro Sánchez e Quim Torra.

Con todo, non hai calendario para acabar as negociacións, segundo Ara, que engade que o PSOE pretendía que o foro de diálogo fose a Comisión Bilateral Generalitat-Estado prevista no Estatut.

A noticia constata ademais que o vicepresidente da Generalitat e coordinador nacional de ERC, Pere Aragonès, informou o sábado persoalmente o líder do partido, Oriol  Junqueras, do contido do acordo, e que tamén ten o visto e prace da secretaria xeral, Marta Rovira.

A Comisión Executiva Federal do PSOE reunirase na sexta feira, 3 de xaneiro, para aprobar o acordo con ERC para a investidura.

comentarios