mércores 30/09/20

ERC formula como prioritaria a vía do referendo pactado, mais sen desbotar unha nova DUI

ERC
Un momento da Conferencia Nacional de ERC.

Esquerra segue a folla de rota marcada por Oriol Junqueras desde a prisión de Estremera e priorizará a vía da negociación e o achegamento aos sectores "autodeterministas", isto é, aos comuns. Mais iso non significa que renuncie a unha nova declaración unilateral de independencia se Madrid, agora con Sánchez, se nega a falar dun referendo pactado.

A Conferencia Nacional que a formación socialdemócrata e independentista realizou esta fin de semana en L'Hospitalet de Llobregat acabou con acordo entre as súas distintas correntes. Prioridade para a negociación, si; achegamento aos comúns, si; distancia coas formulacións "nacionalistas" de Puigdemont, tamén. Argumentos todos eses para alimentar a alma máis pragmática do partido. Mais ao mesmo tempo Esquerra non renuncia a unha nova DUI se o Estado continúa sen levantar o veto ao referendo pactado. Munición esta para os segmentos máis rupturistas, os máis próximos ás teses de Puigdemont.

"A opción dialogada co Estado é a preferida e desexada e comprometémonos a traballar nela incansabelmente", reza a ponencia política que sae desta Conferencia Nacional. Esquerra advoga por "negociar de maneira multilateral unha resolución pactada á situación política" que podería resultar nunha "saída á escocesa coa necesaria intervención internacional". O partido liderado polo preso político Oriol Junqueras ve por tanto un escenario de conversas que non só apunta a Madrid, senón tamén a Bruxelas.

Non foi unha Convención Nacional facilmente precociñada. Houbo tira-puxas entre os distintos segmentos de ERC até final. Até o ponto de que este mesmo sábado ao mediodía a dirección aceitaba mudar o título xenérico da ponencia, que pasou do máis abstracto "Fem República" [Facemos República] ao inequivocamente soberanista "Ara, República Catalá" [Agora, República Catalá]. Finalmente, pragmatismo e rupturismo acharon pontos de encontro e a ponencia ficou aprobada por un esmagador 96 por cento dos votos.

Non foi unha Convención Nacional facilmente precociñada. Houbo tira-puxas entre os distintos segmentos de ERC até final.

ERC afrontou esta Convención Nacional en condicións verdadeiramente excepcionais, co seu líder na prisión e a súa secretaria xeral, Marta Rovira, no exilio. Alén deles ten tamén centos de cargos procesados e encarcerados, lembrou Oriol Junqueras na carta que, no cadro desta cimeira partidaria, dirixiu á militancia da formación. "Ningún partido, ningún, deu tanto por chegar até aquí, pola liberdade. E ningún está a pagar un prezo tan alto. Ningún", escribiu o presidente de ERC desde Estremera.

O contido da misiva pairou en todo momento sobre a Convención Nacional. Nela Junqueras tracexou o percurso que, ao seu xuízo, debe transitar o soberanismo se quer conducir Catalunya rumo á República catalá. As dúas chaves son a converxencia coas correntes autodeterministas —aquelas que defenden o dereito a decidir, mais non a independencia— e o rexeitamento da retórica rupturista, en clara alusión á doutrina de Puigdemont, a quen dedicou varias cargas de profundidade: "As estridencias, as proclamas blandidas e baleiras, os discursos nacionalistas excluíntes, son o camiño máis rápido para voltar a ser unha minoría ruidosa, para voltar ao autonomismo".

"Cantos máis sexamos, máis fácil será que os nosos soños se tornen realidade", escribiu Junqueras na súa cela de Estremera. Ser máis significa achegarse aos comúns e formar unha maioría que coloque como obxectivo número un negociar o referendo co Estado. Esa aposta acaba de ser referendada pola Conferencia Nacional de ERC. Se finalmente esa vía fracasar, Esquerra ten plan B, e iso tamén foi votado na ponencia de L'Hospitalet de Llobregat. Sería a DUI segunda parte.

 

comentarios