Segundo un inquérito de 'El Periódico'

ERC desfai o empate no bloque soberanista e avantaxa en máis de 10 puntos a JxCat

Junqueras
photo_camera Oriol Junqueras, antes de declarar na Audiencia Nacional en novembro de 2017

As sondaxes costuman tratar ben ERC, mais non tan ben como o último estudo de opinión publicado por El Periódico de Catalunya. Segundo este traballo, a formación republicana gañaría con moita clareza unhas eventuais eleccións ao Parlament e distanciaría en case 11 puntos a JxCat, a marca de Carles Puigdemont. O electorado premiaría así a estratexia que dirixe Oriol Junqueras desde a cadea.

As e os electores estarían neste momento a conectar máis coa táctica de Junqueras (enfriar o conflito co estado, procurar alianzas cos comúns e mesmo co PSC) do que coa de Puigdemont-Torra (tensar a situación e manter a polarización entre independentistas e unionistas). Iso no mínimo é o que se tira do estudo realizado polo instituto GESOP para El Periódico de Catalunya.

O inquérito desfai o empate técnico deitado polas eleccións de decembro de 2017 entre JxCAT (34 escanos) e ERC (32)  e debuxa unha Esquerra claramente hexemónica. Tanto que en intención directa de voto (o que contestan espontaneamente as persoas entrevistadas sen ningún tipo de aderezo por parte da cociña demoscópica), conseguiría 24 por cento, a duplicar o segundo clasificado, que non sería Cs, senón un PSC en franca vía de recuperación.

En escanos, o prognóstico é que ERC obteña entre 37 e 39 asentos (actualmente ten 32), en tanto que Ciudadanos sería segunda forza con entre 30 e 31, face aos actuais 36. Baixarían pois os de Albert Rivera na mesma medida en que subirían os de Junqueras. Os seus electorados non son vasos comunicantes, así que cabe deducir que as e os electores en fuga desde o partido laranxa recalarían desta volta no PSC de Miquel Iceta, partido que incrementaría a súa conta de resultados: se en decembro de 2017 conseguiu 17 actas, o inquérito predí que neste momento estaría en condicións de alcanzar entre 23 e 24.

Os agoiros son pésimos para a escadra de Puigdemont e Torra, quen apenas obtería 14,5 por cento do voto e entre 22 e 23 escanos (é neste momento a forza maioritaria no Parlament con 34). A súa caída sería dramática en termos políticos e constituiría toda unha desautorización da súa estratexia. 

A outra marca do independentismo, a anti-capitalista CUP, si ten motivos para o optimismo. Avanzaría dos magros 4 escanos actuais a entre 8 e 9., cunha percentaxe de voto de 7,5 por cento. Estaría a obter, por tanto, réditos políticos do seu afastamento do bloque ERC-JxCAT, conglomerado ao que reputa com "autonomista".

E mentres tanto, o proxecto dos comúns —en crise agora pola recente demisión da súa portavoz, Elisenda Alemany, situada no flanco soberanista da confluencia— continúa no estancamento. Conseguiría 7,5 por cento do voto e entre 8 e 9 escanos, face aos actuais 8.

Canto ao PP, o partido que goberna con maioría absoluta na Galiza e aínda é a minoría maioritaria no Congreso dos Deputados baixa un chanzo mais na escaleira que o leva á irrelevancia absoluta. Tería 3,5 por cento do voto —coa lei electoral galega sería extraparlamentario— e ficaría en tres escanos, un menos que nos anteriores comicios.

Maioría absoluta independentista e alternativa de esquerda

Canto á política de alianzas que prefigura o inquérito, o bloque independentista (ERC+JxCAT+CUP) mantería a maioría absoluta, e mesmo a podería alargar se se situar na banda máxima dos prognósticos (alcanzarían conxuntamente 72 escanos face aos actuais 70). Mais, dado o estado de división en que se acha o campo soberanista, é interesante sinalar que o inquérito deita unha maioría absoluta alternativa, a que formarían os partidos que se reclaman da esquerda (ERC, PSC, Comúns e CUP).

Comentarios