Investidura

ERC decidirá sobre a investidura o vindeiro 2 de xaneiro

O Consell Nacional de Esquerra Republicana de Catalunya votará o día 2 de xaneiro se avala ou non unha abstención das súas deputadas e deputados no debate de investidura de Pedro Sánchez para a presidencia do Goberno central.
Marta Vilalta, anunciando a convocatoria do Consell Nacional de ERC (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Marta Vilalta, anunciando a convocatoria do Consell Nacional de ERC (Imaxe: Europa Press)

O debate e votación de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central semella estar ben próxima. Esta segunda feira, 30 de xaneiro, o líder do PSOE asinou un acordo co PNV que lle asegura o voto afirmativo da formación jeltzale, apresentou xunto a Pablo Iglesias o programa para un Goberno de coalición con Unidas Podemos e transcendeu que EH Bildu consultará nos vindeiro ás súas bases se a esquerda abertzale opta por unha abstención no Congreso que posibilite en grande medida a investidura de Sánchez.

A última hora de 30 de decembro, é ERC quen move ficha e concreta calendario. Marta Vilalta, secretaria xeral adxunta da formación republicana, anunciou que convocarán en quinta feira, 2 de xaneiro ás 17.00 horas, o  Consell Nacional do partido para avalar ou non unha abstención de ERC na investidura de Pedro Sánchez.

En rolda de prensa tras a reunión da Executiva do partido, Vilalta deu por pechada a negociación co PSOE e asegurou que acordaron cos de Sánchez estabelecer unha mesa de negociación entre Generalitat e Goberno central para buscar unha solución ao conflito catalán: "Non é unha mesa de ERC, é a mesa do  Govern de Catalunya, a mesa de país onde se poidan levar todos os grandes consensos do país".

Vilalta defendeu que tras este acordo chegou o momento de que a militancia de ERC "valide ou non este acordo", e rexeitou valorar se é posíbel a investidura de Sánchez antes do día de Reis porque a convocatoria do pleno do Congreso non depende das e dos republicanos.

Comentarios