ERC conquistaría a alcaldía de Barcelona mentres o PP ficaría fóra do concello

A aposta de ERC por apelar ao legado de Pasqual Maragall —ao apresentar como candidato o seu irmán Ernest— podería dar moi bos resultados, de estar no certo o inquérito que esta quinta feira publica El Periódico de Catalunya. Segundo a sondaxe de GESOP, ERC gañaría con clareza as eleccións municipais en Barcelona, con 23,5% do voto (entre 10 e 11 actas). En segunda praza ficaría a Barcelona en Comú de Ada Colau, con 19,5% dos sufraxios e entre 8 e 9 concelleiras. O PP ficaría fóra do salón de plenos, un resultado catastrófico para o partido aínda maioritario no Congreso dos Deputados.

Ernest Maragall
photo_camera Ernest Maragall [Foto: Adrià Costa/Nació Digital]

Todas as noticias que trae esta quinta feira o Gabinet d'Estudis Socials i Opinión Pública (GESOP) son boas para Esquerra Republicana de Catalunya. Gañaría as eleccións de maio de 2019 en Barcelona con clareza en voto estimado —23,5% face ao 19,5 de Barcelona en Comú e o 15,5 de Cs— e na asignación de escanos —10-11 face aos 8-9 de BenC e aos 7 de Cs E non só iso, o seu candidato, o veterano Ernest Maragall, ex alto dirixente do PSC e agora convencido soberanista, lidera o ranking dos cabezas de lista máis valorados. Con 5,5 é o único que obtén o aprobado. Nesta clasificación é moi rechamante o alto índice de rexeitamento que colleita Manuel Valls, o ex primeiro ministro francés que ensaia en Barcelona unha aventura política sen precedentes. Fica nun misérrimo 3, moi lonxe de Maragall, mais tamén de Neus Munté (PDeCAT), Ada Colau (BenC) e Jaume Collboni (PSC), con 4,9, 4,8 e 4,6, respectivamente.


Os resultados que deita o inquérito son catastróficos para o PP, que por vez primeira na historia ficaría fóra do concello, ao conseguir só 4%, por debaixo do limiar do 5%, mínimo para obter representación. En catro anos o PP perdería máis do 50% do seu voto, ao pasar de 8,7% de 2015 a este 4% de agora.

Tampouco está Cs para tirar foguetes. A súa surprendente aposta en Manuel Valls (quen, aliás, enfatiza que el é o candidato dunha plataforma, non dun partido determinado) non a rendabiliza como agardaban os estrategas do partido laranxa. Incrementaría apoios, si (de 11% a 15,5%), mais ficaria a unha distancia na práctica insalvábel de ERC e BenC.

Por súa parte, PSC e CUP aumentan a adhesión cidadá. A candidatura de Collboni sobe case 4 puntos (de 9,6% a 13,5%), en tanto que o incremento da CUP é máis discreto (de 7,4% a 8%). En actas, PSC subiría 2 (de 4 a 6) e a CUP podería aumentar 1 (de 3 a 3/4).

Canto á antiga Convergència, a tendencia é claramente descendente, a pesar da boa valoración da súa candidatura. Ten certa lóxica porque en 2015 defendían a alcaldía e agora, xa como PDeCAT, ven como son adiantados na práctica totalidade dos inquéritos por Esquerra. En todo caso, fiarían na metade xusta dos 10 escanos que teñen neste momento (de 22,6% a 11,5%).

Visto o visto, a hipótese de gobernabilidade máis probábel é un goberno de coligazón entre ERC e Barcelona en Comú, embora os números tamén darían para un tripartito soberanista (republicanos, PDeCat e CUP poderían alcanzar até 20 actas dun total de 41).

Comentarios