ERC condiciona o diálogo co PSOE a “acabar coa represión”

A mensaxe de ERC na apertura do seu Congreso Nacional, que ten lugar en Barcelona e que servirá para fixar a estratexia para os vindeiros catro anos, supedita o diálogo á fin da “represión”.

EuropaPress_2560260_Marta_Rovira_interviene_por_videoconferencia_en_el_Congrés_Nacional_d'ERC_el_21_de_diciembre_de_2019
photo_camera Marta Rovira intervén no Congreso Nacional de ERC (Europa press)

Así o expresou a secretaria xeral de Esquerra, Marta Rovira, quen sinalou que “non é posíbel a resolución do conflito político se non se para a represión", e foi tamén a mensaxe de Pere Aragonès, coordinador xeral da formación, para quen a negociación -en alusión á investidura de Pedro Sánchez- “só será posíbel se a política despraza a represión”. 

Rovira, que interveu por videoconferencia, cualificou de "cantos de serea" algunhas apelacións ao diálogo e afirmou que non pode haber negociación entre iguais cando é o estado quen dita as súas condicións. Segundo expresou, na axenda política do últimos catro anos deuse un punto "de non retorno, porque a resposta ás reivindicacións democráticas da maioría de Catalunya foi o uso da violencia de forma desproporcionada e inxusta e a súa exaltación política institucional, con discursos reais e condecoracións solemnes posteriores".

A secretaria tamén fixou o que considera o obxectivo de ERC nos próximos anos: "Temos que ser máis, con máis lexitimidade: que o que defendemos nós, pretendemos e queremos que é o mellor para o país non sexa percibido como unha ameazada, agresión ou crime".

O presidente de ERC, Oriol  Junqueras, fixo parte tamén no congreso a través dun audio gravado desde o cárcere, despois da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, que lle recoñece a inmunidade. Nel defendeu que a independencia de Catalunya é "irreversíbel” e considerou que fai falta un novo referéndum .

Na súa intervención, chamou a persistir e fortalecer o independentismo para que, cando chegue o momento, "a maioría favorábel á independencia de Catalunya sexa inmensa e incuestionábel". "Falemos con todo o mundo, de todas as xeracións e todas as orixes. Construamos unha maioría independentista plural e diversa”, demandou.

A portavoz e secretaria xeral adxunta de ERC, Marta  Vilalta, inaugurou o Congreso lembrando os presos do partido e reivindicando a súa historia. Na intervención, reiterou a súa aposta pola vía política para resolver o conflito catalán e manifestou a vontade da formación para asumir responsabilidades para facer "política en maiúsculas", algo que considera que faltou nos últimos anos.

Así mesmo, pediu persistir para converter ERC en "o instrumento mellor e máis útil para o conxunto da cidadanía e conseguir a república catalá".

Comentarios