PERMANECERON SEIS HORAS RETIDOS LOGO DE SER APREIXADOS POLA POLICíA DE PRESEVO

Os enviados especiais de Sermos viaxan a Macedonia após seren detidos en Serbia

"Estamos libres, todo ben", asegurou Cristian López, que canda Felipe Carnotto, viaxa xa a Grecia para cubrir as eleccións no país heleno 

Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]
photo_camera Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]

O xornalista Cristian López e o fotógrafo Felipe Carnotto, que cobren desde hai uns días a crise dos refuxiados no surleste de Europa para Sermos Galiza, están xa en liberdade logo de que a Policía da localidade serbia de Presevo os retivese durante seis horas por, segundo os axentes, “cruzar ilegalmente” a fronteira que separa Serbia de Macedonia. 
Os enviados especiais, que contan coa acreditación do Ministerio de Asuntos Exteriores español, están xa en Macedonia após o xuíz de garda decretar a súa liberdade sen cargos. “Estamos libres, todo ben”, sinalou a Sermos Galiza o xornalista vigués logo de ser liberado, para o que tiveron que pagar 50 euros sob ameaza de seren novamente arrestados. 
López e Carnotto publicaron no número 163 de Sermos Galiza, que saíu do prelo a pasada quinta feira, unha ampla crónica na que relatan o éxodo dos refuxiados cara a Europa no seu traxecto entre Grecia e Serbia. No país heleno cubrirán as eleccións xerais, das que darán conta na crónica que verá a luz no vindeiro número do semanario. 

Comentarios