As enquisas sorríen ao soberanismo galés

As recentes sondaxes da BBC e YouGov apontan un importante aumento na intención de voto a Plaid Cymru, que obtería os seus mellores resultados nunhas eleccións galesas: 17 dos 60 escanos da Asemblea Nacional de Gales.

gales cumry wales
photo_camera Unha sede do Plaid Cymru

Unha Escocia gobernada por independentistas, unha Irlanda do Norte onde o republicanismo irlandés do Sinn Fein é segunda forza (e moi perto da primeira, a unionista DUP) e agora un Gales onde o Plaid Cymru podería aumentar os seus apoios e consolidarse como a forza máis importante do país tras os Laboristas. Londres non debe gostar moito do panorama que pinta en tres das catro nacións que compoñen o Reino Unido.


As enquisas destes días, finais de febreiro e principios de marzo, están a sorrir ao Plaid Cymru, o partido independentista e de centro-esquerda galés. Unha formación que na súa conferencia política de primavera en marzo do ano pasado en Llangollen aprobou que convocaría un referendo de independencia cando gobernase.


O inquérito de IMC para a BBC dá ao Plaid Cymru por volta de 26% dos votos e 17 dos 60 escanos da Asemblea Nacional de Gales (creada en 1999 tras aprobarse dous anos antes en refrendo). Son 5 parlamentares máis que na actualidade. Nos comicios de 2016 obtivera 12 deputados e deputadas. A sondaxe de YouGov dálle 23% dos apoios.


Ambos os dous estudos sitúan o Partido Laborista como a forza máis votada nunhas eleccións galesas (34% na da BBC e 32% na de YouGov). Obtería 25 escanos, catro menos que hai tres anos. O Partido Conservador atinxiría ben 23% ou ben 26% dos sufraxios, segundo a sondaxe que se consulte. 11 deputados e deputadas na da BBC (agora ten 14). No que si coindicen ambos os dous traballos é que Liberal-Demócratas e a dereita británica pura e dura de UKIP terían por volta de 7% cada un, atinxindo así cadanseu escano.


Dos 60 parlamentares para a Cámara galesa, 40 escóllense por escrutinio uninominal maioritario en circunscricións electorais individuais, e 20 elíxense por un sistema rexional no que as persoas votantes teñen un voto extra para a rexión na que residen: cada rexión -son 5- elixe 4 deputados e deputadas.


Para Roger Aawn, profesor na universidade de Cardiff, as enquisas apuntan a que Plaid Cymr tería o seu mellor resultado histórico para a Asemblea galesa mentres que o Laborismo tería o seu peor comportamento nas eleccións á Cámara de Gales.


No que respecta a eleccións ao parlamento británico, as enquisas mostran un escenario distinto: o Partido Laborista colocaría 26 representantes en Westminster, o Partido Conservador 10 e Plaid Cymru, 4.

En setembro pasado o Plaid Cymru escolleu novo líder, Adam Price

Comentarios