Gráficos

Lula e Bolsonaro disputan a Presidencia do Brasil este domingo: así están as enquisas

Desde o remate da primeira volta, na que o candidato do PT e ex presidente ficou a 1,6 puntos da vitoria absoluta, os apoios a Bolsonaro foron en ascenso.
Os candidatos presidenciais Lula da Silva e Jair Bolsonaro, nun debate recente. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2)
photo_camera Os candidatos presidenciais Lula da Silva e Jair Bolsonaro, nun debate recente. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2)

Na primeira volta das eleccións presidenciais do Brasil, decorrida o pasado 2 de outubro, o candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), o ex presidente Lula da Silva, foi o vencedor con 48,4% dos votos, unha maioría, porén, que non abondou para ser proclamado presidente. Na segunda posición ficou o actual mandatario, o ultradereitista Jair Bolsonaro, do Partido Liberal (PL), que reuniu 43,2% dos sufraxios.

A segunda e definitiva quenda de votacións será este domingo, día 30, e a esta cita electoral Lula da Silva chega como favorito segundo as enquisas, se ben, con todo, a distancia que o separa de Bolsonaro é cada vez máis cativa.

Así, as sondaxes realizadas após a primeira volta das eleccións sitúan, de media, o candidato do PT con perto de 46,7% en intención directa de voto, mentres o actual presidente fica con 44,8%. A tendencia da estimación de voto foi á baixa para Da Silva ao longo de outubro, cun Bolsonaro en ascenso.

As fake news marcan a campaña

Do mesmo modo que o fixera Donald Trump nas eleccións estadounidenses de 2020, Jair Bolsonaro, se ben asegurou nun primeiro intre respectar o resultado electoral da primeira volta, cuestionou días despois que o escrutinio dos votos funcionou "como un algoritmo". "Semella que se tivésemos outros cinco minutos máis de escrutinio, o noso opoñente garantiría a elección na primeira volta", dixo.

Precisamente, as noticias falsas, ou fake news, están a tomar un papel protagonista na campaña electoral de cara a esta segunda volta, así como as dúbidas sementadas polos afíns a Bolsonaro sobre a validez das urnas, nun contexto no que todo apunta a un moi axustado resultado electoral.

E tamén seguindo a estela de Trump, boa parte dos seguidores de Bolsonaro amósanse convencidos da súa vitoria fronte a Lula da Silva, polo que persoas expertas en análise electoral de todo o mundo advertiron nas últimas horas que non é descartábel un escenario semellante ao que se producira en Washington após as eleccións, cando unha morea de xente asaltou o Capitolio.

"Ata metade do ano podíase afirmar con tranquilidade que, a pesar de que ningunha campaña está libre de mentiras, a de Bolsonaro facía un uso sistemático e profesional delas", sostén Marlos Ápyus, xornalista e analista de audiencias do xornal Estadão.

Comentarios