As forzas que apoian a consulta por un Estado propio obterían 2/3 do Parlament de Catalunya

A enquisa do de RAC1 sitúa CIU ao borde da maioría absoluta, con 67 deputados (5 máis), apunta un novo descalabro do PSC e baixada do PP, unha suba de ICV e un desgaste de ERC. Oito de cada dez persoas enquisadas están a favor dunha consulta pola independencia. E sete de cada dez, de o facer mesmo se a prohibe o goberno español.
Catalunya

O novo Parlament de Catalunya que se escolla o 25 de novembro presentará unha ampla maioría das forzas que defenden o referendo para decidir se se constitúen en estado propio. Iso apunta, cando menos, a enquisa de RAC1, a cal sinala que CIU, ERC e ICV sumarían 93 deputad@s dos 135 que compoñen o Parlament.

Mais o apoio social á realización desa consulta sería aínda maior que a representación na Cámara catalá, segundo esta sondaxe, pois 8 de cada 10 persoas avogan porque se faga un referendo sobre a independencia. En caso de prohibir o Estado español a consulta, 7 de cada 10 son partidarias de procuraren apoios internacionais para facer a consulta igualmente

Representación

CIU acadaría 67 escanos, cinco máis de que ten actualmente, e rozaría a maioría absoluta, que está en 68 deputad@s. O PSC sufriría un novo retroceso, ao perder 7 escanos, obtendo nas eleccións 21. O PP perdería 1 e obtería 17. Tamén incrementaría o seu apoio Iniciativa per Catalunya-Verds, que atinxiría 12 represdentantes, dous máis que os actuais.

ERC obtería 14 deputad@s (catro menos) e Ciutatans sería a única forza contra a autodeterminación que aumentaría a súa representación, pasando de tres a catro.

PP, culpábel das 'retallades'

Na enquisa de RAC1 tamén se indica que o 62% da cidadanía responsabiliza o PP de Rajoy das 'retellades' (recortes), un 56% culpan o tripartito e a herdanza de Zapatero e un 38% a CIU.

Sempre segundo esta sondaxe, o 56% das persoas consultadas están de acordo coa frase 'España rouba a Catalunya', e un 73% cre que o goberno central asfixia o seu país.

Comentarios