Enfrontamentos entre Exército colombiano e ELN durante o "paro armado"

Na rexión de Catacumbo, un militar perdeu a vida, e na de Cesar a guerrilla levou a cabo varios actos de sabotaxe.

colombia
photo_camera O ELN mantén enfrontamentos co EPL polo control de varios territorios (Europa Press)

Os ataques por parte do Exército de Liberación Nacional (ELN) continuaron durante a xornada do sábado nas rexións colombianas de Catatumbo e Cesar ─no norte do país, fronteirizas con Venezuela─, no marco do "paro armado" de 72 horas que comezou na sexta feira ás 6 horas (horario local).

Segundo información das autoridades civís na zona do Catatumbo, rexistráronse enfrontamentos entre membros do Exército e do ELN en Convención, onde perdeu a vida un militar ─cabo primeira─, segundo informou a emisora Blu Radio.

En Río Oro, municipio situado no sur de Cesar, a guerrilla fixo detonar dous explosivos perto das antenas telefónicas da cidade.

Ademais, nos municipios de Convención e Hacarí o ELN mantivo enfrontamentos co Exército Popular de Liberación (EPL), con quen loita polo control do territorio. O EPL está considerado polo Goberno como un grupo asociado ao narcotráfico.

Tamén, segundo información da Policía recollida polos medios locais, o ELN atacou a tiros un autobús con pasaxeiros e incendiou outro nunha estrada do departamento de Cesar, onde unha persoa resultou ferida.

Comentarios