O enfrontamento entre Pedro J. Ramírez e a actual dirección de 'El Mundo' afecta o PP

O fundador dun dos xornais referencia da dereita madrileña xa non oculta a súa animadversión polos seus sucesores, aos que critica namentres pula pola creación dun “Podemos liberal” que é temido polo PP, agora reconciliado con El Mundo.

pedro-crop
photo_camera Pedro J.

A marxinación do fundador de El Mundo e director do mesmo durante décadas, Pedro J. Ramírez, dun acto de aniversario da creación do diario abriu unha guerra entre o influínte xornalista e o seu sucesor ao fronte do xornal, Casimiro García-Abadillo, enfrontamento que nos círculos de poder madrileño cren que mesmo pode afectar o PP, cuxa acción desde o Goberno resultou fundamental para a destitución de Ramírez cando este animaba a publicación de diversas informacións sobre presuntas corrupcións no partido gobernante ou na monarquía. Unha vez liquidada a súa xefatura, o xornal -un dos referenciais na dereita madrileña- mantén mellores relacións coa dirección dos populares e coa Moncloa. 

Pedro J. -xornalista tan influínte como polémico- pula por unha nova dereita afastada deste PP, que foi o que presionou para que o destituíran de 'El Mundo'

Unha entrevista do actual director moi crítico con Pedro J. -que este contestou con dureza este domingo na súa columna nas páxinas que fundou- supuxo o punto álxido dunha tensión na que Ramírez non dubidou en denunciar o entendemento entre o PP e a cúpula actual de El Mundo, algo que non sentou nada ben a García-Abadillo, que acusa o seu predecesor de “insultar á Redacción”. 

Así, volve falarse da posibilidade de que Pedro J. impulse un diario dixital con vocación maioritaria, que intentaría -e hai quen pensa que conseguiría- xogar un papel decisivo no ámbito político, sobre todo dentro da dereita española, onde o importante (e máis que polémico) ex-director de El Mundo non agocha o seu divorcio co PP e pula de forma pública por unha nova forza “de centro dereita” que “rexenere a vida pública e teña un papel respecto ao PP semellante ao de Pablo Iglesias respecto ao PSOE, un Podemos liberal”, segundo as súas propias palabras. 

Un apoio mediático a unha forza desas características con Ramírez á fronte -Albert Rivera de Ciudadanos podería ser o líder, segundo as preferencias do poderoso xornalista- podería supoñer un claro prexuízo para un xa debilitado PP.

Comentarios