Endurecemento de controis do virus en Nova Zelandia e Beijing

Os rebrotes desta semana levaron as autoridades destes países, onde a epidemia semellaba controlada, a estabelecer novas medidas drásticas.
EuropaPress_3175226_31_may_2020_china_beijing_school_students_wash_their_hands_at_school_yard
photo_camera O estudantado de Beijing regresara aos centros de educación o pasado 31 de maio (dpa)

Ás medidas de confinamento e de suspensión das aulas en todos os centros de primaria, secundaria e superior anunciadas durante a terza feira, sumáronse onte a cancelación de, polo menos, 1.255 voos con destino ou orixe en Beijing. 

Este endurecemento nos controis da pandemia decretado polas autoridades da China chega tras o aumento no número de casos diarios da COVID-19 despois de que a pasada fin de semana se detectase un rebrote do virus no mercado de mariscos de Xinfadi, no barrio de Fengtai, ao sur da capital. 

Tamén o Goberno de Nova Zelandia anunciou onte un endurecemento das medidas de illamento decretadas para aquelas persoas que ingresen no país, despois de se rexistraren dous novos casos da COVID-19 en dúas mulleres británicas, 24 días logo do último contaxio e oito desde que se recuperou o derradeiro paciente da primeira vaga.

As persoas que ingresen ao país farán dúas veces á proba da COVID-19 e non recibirán permisos para abandonar a corentena obrigatoria, tras se saber que as dúas cidadás británicas só cumpriron seis días de confinamento para poderen ver o pai moribundo delas no hospital.

Comentarios