Unha vintena de organizacións soberanistas cítanse en Iruñea do 3 ao 5 de xuño

Nova edición do Fórum Soberanista, que reúne fundacións da Galiza, Euskadi, Nafarroa, Catalunya, País Valencià, Andalucía e Canarias.
A edición do pasado ano decorreu en Gandía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A edición do pasado ano decorreu en Gandía. (Foto: Nós Diario)

Esta sexta feira principia en Iruñea (Nafarroa) unha nova edición do Fórum Soberanista, un encontro que reunirá até o vindeiro domingo, día 5, representantes de máis dunha vintena de organizacións soberanistas de todo o Estado español.

Trátase, en concreto, de Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Obradoiro de ideas Láncara, Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, Iratzar Fundazioa, Fundación Darder-Mascaró, Manu-Robles Arangiz Fundazioa, Ciemen, Fundació Irla, Fundació Nexe, Ipar Hegoa Fundazioa, Alternatiba Fundazioa, Alkartasuna Fundazioa, Fundación Aureli Escarré, Intersindical Solidaria Valenciana, Intersindical Canarias, Ahora Canarias, Grupo de Estudios Diaz del Moral, Fundació L'alternativa, Centre de Documentació Serra i Puig e Fundación Betiko.

A libraría Katakrak da capital navarra acollerá na tarde desta sexta feira (19 horas) un debate aberto ao público no que intervirán Olalla Rodil —deputada do BNG—, Mertxe Aizpurua —EH Bildu—, David Fernández —xornalista e ex deputado da CUP— e a politóloga Gemma Ubasart.

O sábado, entre as 9.30 e as 20 horas, decorrerá o Plenario do Fórum, no que se porán en común as "diagnoses que desde os diferentes soberanismos se estabelecen en relación á evolución do Estado español", segundo explicaron desde a organización.

Finalmente, o domingo as e os representantes das diferentes formacións trasladaranse á localidade de Amaiur para asistir ao acto organizado por Nafarroa berriz altxa!, no lugar onde se produciu a defensa do castelo situado nun outeiro, no marco das loitas contra a conquista de Nafarroa a partir do ano 1512.

O Fórum

O obxectivo deste evento, sosteñen, é "incidir na sociedade e trasladar os debates do soberanismo ás necesidades e requirimentos dun presente en crise e constante cambio". O Fórum naceu en 2019 como "punto de encontro" entre forzas soberanistas de esquerda, agora constituídas como organización.

Entre outros propósitos, busca "profundar no coñecemento das realidades das nacións sen Estado", "aumentar a formación política e a participación da cidadanía" ou "impulsar e divulgar iniciativas de intercambio e cooperación para contribuír á xusriza e a equidade nas relacións comerciais".

Comentarios