A “deshonestidade sistemática” das empresas implicadas e “décadas de fracaso” do Goberno británico a hora de frear a propagación dun revestimento moi combustíbel estiveron detrás do incendio na Torre Grenfell de Londres, a capital do Reino Unido, en 2017, resolveu a comisión oficial de investigación no informe publicado a cuarta feira.
72 persoas, entre elas 18 crianzas, a meirande parte de comunidades vulnerábeis e minorías étnicas, morreron no lume. Falecementos que “puideron terse evitado”, sinala o documento.
Ademais do Executivo, tamén foron responsábeis a axencia local a cargo da xestión da vivenda, o condado de Kensington e Chelsea, os fabricantes e subministradores do material de revestimento do edificio, as persoas que certificaron o seu uso, o arquitecto, o principal contratista e parte dos subcontratistas.
Malia que non todos teñen o mesmo nivel de responsabilidade “todos contribuíron”, “na maioría dos casos pola súa incompetencia” mais noutros “por falta de honestidade e por cobiza”, convertendo o edificio nunha "trampa mortal" para as e os seus residentes.