Empresa pública de enerxía, vivendas sociais e pulo ao galés: o pacto de Goberno en Gales entre laboristas e independentistas

O acordo contempla a posta en marcho dunha serie de servizos públicos galeses ou compromisos para limitar que Gales sexa paraíso de ‘segundas residencias’ para británicos.

Cardiff, capital de Gales
photo_camera Cardiff, capital de Gales

Laboristas e independentistas acadaron un acordo de Goberno en Gales, un pacto que fixa unha serie de medidas e compromisos para a lexislatura en diferentes campos, desde a vivenda pública ao idioma galés, pasando polos servizos sociais ou o cambio climático, segundo informaron desde Natinalia.

O Partido Laborista galés e Plaid Cymru chegaron a un acordo para o Goberno nos vindieros tres anos. O Plaid, con todo, non entrará no Goberno, que estará integrado exclusivamente por membros do Partido Laborista.

Laboristas (30 escanos) e independentistas (13)  suman maioría absoluta na Asemblea Nacional de Gales, composta por 60 deputados e deputadas.

Entre as medidas contempladas, o acordo prevé a creación dunha construtora pública galesa de vivendas sociais e o estudo da creación dunha empresa pública galesa de enerxía.

O pacto tamén contempla avances no estudo para a creación dun Sistema Nacional de Protección Social en Gales: as dúas partes acordaron acordar un "plan de aplicación" para finais de 2023.

O pacto entre os laboristas e os independentistas tamén inclúe diversas medidas para reforzar a lingua galesa, sobre todo no que se refire ás condicións para o seu uso nos centros educativos coa aprobación dunha Lei de educación en lingua galesa, para alén de avanzar no seu uso pola administración.

Tamén se barallan medidas contra o cambio climático e para limitar as segundas residencias.

O goberno de Gales anunciaba en setembro que se destinarán 2,4 millóns de libras esterlinas ( 2,8 millóns de euros) do financiamento da recuperación da Covid para fomentar proxectos e iniciativas relacionadas coa lingua galesa.

Comentarios