Empate técnico de Sinn Féin e DUP a menos dun mes das eleccións en Irlanda do Norte

Enquisa do Belfast Telegraph sitúa intención de voto para a formación republicana e a unionista nun 25%. A valoración da primeira ministra, a unionista Arlene Foster, no seu momento máis baixo.

stormont-castle
photo_camera Edificio do Parlamento de Irlanda do Norte

Irlanda do Norte está chamada ás urnas o vindeiro 2 de marzo, a data fixada por Londres após disolver a asemblea rexional dos 6 condados irlandeses baixo soberanía británica tras caer o goberno de Belfast pola demisión do viceprimeiro ministro, Martin McGuinnes. Nos comicios de maio pasado o unionista DUP, cun 30% dos sufraxios, foi a formación máis votada, seguida do Sinn Féin, cun 24%. Mais esa fenda reduciuse sensibelmente e nas eleccións do 2 de marzo pode haber sorpresas.

Unha enquisa do Belfast Telegraph indica que actualmente hai un empate técnico entre o DUP e o Sinn Féin. Un escenario inimaxinábel até non hai tanto, que unha formación nacionalista puidera ser a máis votada nos comicios en Irlanda do Norte, pode  ser factíbel. A sondaxe concédelle unha lixeira vantaxe ao DUP (25,8%) fronte ao Sinn Féin (25,1%). Porén, o partido unionista perdeu 3,3 puntos desde maio pasado, período no que os republicanos irlandeses aumentaron nun 1,1. A popularidade de Arlene Foster, primeira ministra (DUP) non deixa de caer despois do escándalo de corrupción que salfira o seu partido.

O sistema de voto, persoal trasferíbel, fai que as segundas e terceiras preferencias dos electores vaian ser quen decidan algúns escanos en xogo, sendo determinantes para o resultado final.

Isto tradúcese en que o DUP perde votantes a favor doutros partidos do unionismo, como o UUP que, segundo a enquisa, pasaría ser terceira forza (13,9%), superando os socialdemócratas nacionalistas irlandeses (SDLP), cun 12,3%. Alliance subiría (8,8% de intención de voto) ao igual que os Unionistas Tradicionais (TUV, 4,25%), Os Verdes 3,8%. O esquerdista PBP obtería un 2,7% dos votos, aumentando nun 0,7%.

Michelle O´Neill, a muller irlandesa de 40 anos que substituíu o veterano líder Martin McGuinnes como cabeza de lista do Sinn Féin nestas eleccións, é a terceira candidata mellor valorada, só superada polos de Alliance e TUV. 

Comentarios