Emisarios do PP chantaxean a Bárcenas: ou mantén a boca fechada ou a súa muller irá á cadea

En nome do PP, os avogados de Álvaro Lapuerta e Pablo Crespo ofreceron un pacto ao ex-tesoureiro para declarar nula a súa causa. A cambio do silencio de Bárcenas, o presidente do Goberno español teríalle ofrecido a cabeza do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón

Luís Bárcenas
photo_camera Luís Bárcenas

Podería ser parte do guión da serie Os Soprano. mais non é unha historia da mafia siciliana. O 'caso Bárcenas' deita hoxe novas informacións publicadas --máis unha vez-- polo diario de Pedro J. Ramírez e deixa o PP e o presidente español nunha situación insostíbel. 

El Mundo leva esta segunda feira á súa capa as chantaxes que emisarios enviados polo Partido Popular lle terían feito a Luís Bárcenas. Segundo recolle o diario madrileño, Javier Iglesias -o avogado do tamén ex-tesoureiro do PP, Álvaro Lapuerta- ameazou a Bárcenas con mandar a súa compañeira á cadea se este teimaba en facer pública a documentación que acredita unha trama de financiamento irregular no partido. 

Emisarios do PP ofereceron a cabeza de Gallardón e a nulidade do seu proceso a cambio do seu silencio

A cambio do seu silencio, continúa El Mundo, Javier Iglesias ofreceu a Bárcenas a cabeza do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. "Será destituído no último Consello de Ministros antes de vacacións", asegura o rotativo, "e o teu tema resolverase en setembro por nulidade".

Segundo o artigo publicado polo diario español, Iglesias --un dos nomes de confianza en Génova-- tentou fechar este pacto con Bárcenas hai unha semana cando este se atopaba xa na prisión de Soto del Real. Porén, non só o avogado de Álvaro Lapuerta ofreceu a Bárcenas un trato para impedir que o ex-tesoureiro continuase tirando da manta en relación coa contabilidade B do PP.

Tamén Miguel Durán, defensor de Pablo Crespo, tería instado a Bárcenas a manter a boca fechada. Desta volta, o avogado defensor do que foi secretario de Organización do PPdeG durante a era Fraga e número dous da Gürtel, tería asegurado falar "en nome de Rajoy". Durán ofereceu aínda a cabeza de Gallardón. Comunicou a Bárcenas que co actual ministro de Xustiza fóra da escena sería máis doado manexar a Fiscalía.

Os avogados de Álvaro Lapuerta e Pablo Crespo advirten a Bárcenas que de continuar tirando da manta, a súa compañeira podería rematar na cadea

Guerra aberta no Partido Popular

As últimas informacións publicadas evidencian unha fenda insalvábel no seo do Partido Popular. Ex-dirixentes e mesmo deputados do partido aseguran que o cobro de sobresoldos era vox populi como tamén o era a trama de financiamento ilegal que fornecía fondos ás campañas electorais a través dun entramado empresarial. 

Segundo o rotativo dirixido por Pedro J. Ramírez, esta segunda feira Luís Bárcenas podería facer chegar ao xuíz Ruz numerosos documentos que acreditan a veracidade das súas declaracións e mesmo unha memoria dixital na que se detalla polo miúdo a contabilidade B do PP. O ex-tesoureiro prestará declaración hoxe.

Moncloa non desmente a información publicada 

Entrementres, desde Moncloa, o Goberno español di que foi o ex-tesoureiro quen tentou ameazar o mandatario español mais que este, aseguran nun comunicado, "non conseguiu nada". Polo demais, até o momento nin o PP nin o executivo desmentiron a veracidade das mensaxes de texto publicadas por El Mundo nas que Rajoy pedía calma a Bárcenas, alén de enfatizar que sempre estaría ao seu carón. 

O presiente do Goberno español podería falar hoxe sobre o escándalo nunha comparecencia de imprensa con motivo da cimeira hispano-polaca.

Comentarios