A EMA investiga os beneficios de combinar Pfizer e AstraZeneca cos datos de España

A Axencia Europea do Medicamento tamén vén de aprobar a vacinación das nenas e nenos entre 12 e 15 anos co fármaco creado por Pfizer. A institución asegura ter datos científicos que avalan o seu uso porque é seguro para este grupo da poboación.

Campaña de vacinación na Galiza (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Na Galiza inoculouse a segunda de AstraZeneca na maioría dos casos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A decisión do Goberno español de combinar a inoculación os fármacos de AstraZeneca e Pfizer no tratamento da Covid-19 dados os episodios de tromboses vai servir a nivel científico para que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) avalíe os beneficios e recomende ou non seguir esta pauta -que tamén ten o Reino Unido- a nivel xeral.

A institución considera que, polo de agora, os estudos feitos naquelas persoas que recibiron unha primeira dose do tratamento con AstraZeneca e unha segunda con Pfizer están dando “bos resultados”.

Porén, antes de facer unha valoración global, a organización ten previsto xuntar máis información para garantir que o seu é un “enfoque efectivo”.

Polo de agora, o xefe de Estratexia de Vacinas e Ameazas Biolóxicas para a Saúde da EMA, Marco Cavaleri, comentou que atendendo á información fornecida desde España e Reino Unido “non hai maior preocupación desde unha perspectiva de seguridade”.

“Semella que é realmente un enfoque efectivo para xerar unha resposta inmune robusta despois da segunda dose dunha vacina diferente”, reiterou. Malia todo, estase a investigar se aparecen trombos coas segundas doses.

Novo grupo de idade

Por outra banda, Cavaleri confirmou que o medicamento de Pfizer obtivo a autorización condicional para comercializarse de cara ao uso entre nenas e nenos de 12 a 15 anos, posto que até o de agora estaba permitida a partir dos 16.

“Temos datos que amosan que a vacina é segura tamén nas idades de 12 a 15 anos e iso permite á comunidade científica concluír esta decisión” sobre a distribución, xustificou.

Comentarios