A EMA avalía o uso da vacina Pfizer para menores de entre 12 e 15 anos

A axencia agarda ter un ditame para o mes de xuño.
EuropaPress_3675283_30_april_2021_schleswig-holstein_reinbek_vials_of_biontech-pfizers
photo_camera Varios viais de Comirnaty, a vacina desenvolvida pola estadounidense Pfizer e a alemá BioNTech (Foto:Christian Charisius / dpa)

O Comité de Medicamentos de Uso Humano (CHMP, en inglés) da Axencia Europea do Medicamento (EMA) comezou esta segunda feira a avaliar a ampliación do uso da vacina de Pfizer-BioNTech contra a Covid-19 para incluír os menores de 12 a 15 anos. Actualmente o seu uso está autorizado en persoas de 16 anos ou máis.

Segundo anunciou o organismo regulador, os resultados agárdanse para xuño. A EMA fará unha avaliación acelerada dos datos presentados por Pfizer, incluídos os resultados dun grande estudo clínico en curso con adolescentes desde de 12 anos, para decidir se recomenda a ampliación.

O ditame do CHMP remitirase entón á Comisión, que emitirá unha decisión final xuridicamente vinculante aplicábel en todos os Estados membros da UE. 

Fronteiras externas da UE

A Comisión tamén se pronunciou hoxe, neste caso para pedir aos Estados membros que reabran a súa fronteira exterior aos turistas inoculados contra a Covid en terceiros países con vacinas aprobadas pola EMA.

A respecto da apertura de fronteiras, a Comisión Europea agarda que sexa examinada ao longo desta semana a nivel técnico e de embaixadores dos Estados, co obxectivo de que sexa posíbel un acordo antes de que acabe o mes maio e que a mudanza se puidese aplicar xa "a primeiros de xuño".

Ademais informou de que publicará periodicamente unha lista actualizada de certificados de países terceiros que poderán ser recoñecidos na UE porque reúnen as condicións suficientes en termos de seguridade.

Na actualidade hai sete países con quen a UE permite as viaxes "non esenciais", aínda sen vacina: Australia, Corea do Sur, Nova Celandia, Ruanda, Singapur, Tailandia e, suxeito á condición de reciprocidade, a China.

Polo momento, a UE autorizou o uso de catro vacinas ─Pfizer/BioNTech, Moderna, AstraZeneca e Janssen─; e hai varias en distintas fases de avaliación pola EMA, incluída a Sputnik V.

A EMA en Rusia

A respecto do antíxeno ruso, os expertos da EMA finalizaron a semana pasada a primeira fase de avaliación. "Estamos a agardar polos informes e estámonos a preparar para as inspeccións das instalacións de produción", informou o ministro de Sanidade ruso, Mikhail Murashko. 

O grupo da EMA chegou a Rusia o 10 de abril, e o 10 de maio iniciará a nova fase de inspección.

Axuda á India

Por outra banda, a Comisión tamén informou de que aumenta a súa axuda humanitaria á India para paliar a grave expansión do coronavirus no país do sueste asiático, logo de se sumaren Alemaña, Dinamarca, España, Países Baixos e República Checa ao paquete de asistencia mobilizado polo Mecanismo de Protección Civil comunitario.

Dinamarca exclúe Janssen

Dentro da UE, as autoridades sanitarias de Dinamarca decidiron retirar a vacina de Janssen do seu programa de inmunización. "Non se pode compensar o risco de posíbeis efectos secundarios como coágulos sanguíneos graves nos vacinados", sinalou a subdirectora da Xunta Nacional de Saúde danesa, Helene Probst. 

Dinamarca xa retirou a vacina de AstraZeneca do seu programa de inoculación. Unha vacina da que tamén onte, o Goberno de Suecia informaba que doaría un millón de doses sobrantes ao mecanismo Covax, o programa auspiciado pola OMS para acelerar a produción de vacinas e garantir o acceso equitativo.

Comentarios