Haberá un recoñecimento simbólico a Puigdemont

Elsa Artadi perfílase como presidenta "executiva" da Generalitat

RAC 1 -a emisora líder de Catalunya- avanza os trazos básicos do acordo entre as distintas formacións soberanistas. Haberá unha declaración simbólica de recoñecimento da lexitimidade de Puigdemont, mais a efeitos xurídicos a presidencia da Generalitat será para a economista Elsa Artadi (Barcelona, 1976).

Elsa Artadi
photo_camera Elsa Artadi, durante un mitin de JxCat

Un acordo que combina lexitimidade e pragmatismo e que ten como norte desactivar o 155 e restituír as institucións catalás de autogoberno, embora sexa no marco autonómico. Ese é froito das conversas recentes entre JxCat e ERC. A saída do sarillo pasaría por unha declaración simbólica do Parlament a prol da lexitimidade da presidencia de Puigdemont e, a seguir, pola convocatoria dun pleno para investir como presidenta Elsa Artadi, man direita do político de Girona. As fontses consultadas por RAC1 afirman que o pronunciamento da cámara sobre Puigdemont será unha proposta de resolución sen efeitos xurídicos -unha declaración de vontade- e, por tanto, non estaría exposto a ser recorrido polo Goberno español perante o Tribunal Constitucional. A CUP estaría de acordo con esta solución.

Elsa Artadi é economista pola Universitat Pompeu Fabra e obtivo o grao de doutora en Harvard. Deu aulas en Italia, China, e foi membro do comité científico e consultora do Banco Mundial. A súa incorporación ao Govern produciuse en 2013, como asesora do conseller de Economía Andreu Mas-Colell. En 2015 xa era secretaria de Facenda. Pertence ao círculo de máxima confianza de Puigdemont. Tan é así que cando o político de Girona decidiu lanzar a lista do president nas eleccións do 21 de decembro de 2017, Artadi formalizou a súa baixa do PDeCAT -partido para o cal coordenaría a súa ponencia ideolóxica- para reforzar o perfil de Junts per Catalunya como unha candidatura de persoas independentes.

Comentarios