Elsa Artadi perfílase como a candidata soberanista "viábel" á presidencia da Generalitat

Sería unha sorte de "presidenta transitoria" mentres a presidencia "lexítima" a mantería Puigdemont desde o exilio. Artadi -libre de cargos xudiciais e, por tanto, candidata viábel- podería ser investida a próxima semana.

Elsa Artadi
photo_camera Elsa Artadi

O plano D -após fracasaren as opcións de Puigdemont, Sànchez e Turull, todos investigados polo poder xudicial español pola organización do referendo de autodeterminación do 1-O- ten todo o aspecto de ser Elsa Artadi. Economista de 41 anos, deu aulas en China e Italia e foi membro do comité científico do Banco Mundial. En 2015 asumiu a secretaría de Facenda dentro da Consellaría de Economía e foi directora de campaña de Junts per Catalunya nas eleccións do 21D de 2017.

Politicamente é unha persoa moi próxima a Puigdemont, tanto que no seu momento se deu de baixa do PDdeCat, para patentizar que a súa lealdade é sobre todo co president agora no exilio.

Nos equilibrios no espazo soberanista, a designación da candidatura á presidencia da Generalitat corresponde a JxCat. Agárdase que esta mesma fin de semana Puigdemont, nunha cimeira do grupo parlamentar de Junts per Catalunya en Berlín, avale a opción de Artadi, a primeira candidata que reuniría as condicións -non estar incursa en ningunha investigación xudicial- que exixe a Moncloa para non a vetar.

A vía Artadi non significa que o soberanismo renuncie a reformar a Lei da Presidencia para viabilizar unha hipotética investidura a distancia de Puigdemont. O guión de JxCat -ao que se adire ERC- é aprobar a modificación legal -nun pleno do Parlament axendado para estas quinta e sexta feira- e agardar a que sexa o TC quen a tombe. Unha vez traspasada a Madrid a responsabilidade de que non se poda investir como president o candidato que reúne máis apoios parlamentares -Puigdemont si sería votado pola CUP-, a coligación independentista que de facto forman JxCat e ERC poría xa sobre a mesa formalmente o nome de Elsa Artadi.

Habería un xogo de dupla lexitimidade. Por un lado, un Govern presidido en Barcelona por Artadi -con Pere Aragonés de ERC como vicepresident- e un Consell de la República no exílio liderado por Puigdemont, chamado a ser o xerme dun futuro estado catalán independente.

Nunha entrevista por escrito coa Axencia Catalá de Noticias, Jordi Sànchez -internado na cadea de Soto del Real- expresou o seu respaldo á hipotética candidatura de Artadi: "É unha muller enormemente capacitada e agóirolle un longo percorrido político, sexa ou non aspirante á presidencia. Ela sabe que ten todo o meu apoio".

Comentarios