El Rubius leva a debate nas redes a tributación do IRPF ao anunciar que marcha a Andorra

O coñecido Youtuber, que forma parte da primeira xeración de mozos que elixiron como profesión crear contidos para a plataforma no Estado español, centra catro temas do momento en Twitter após facer público que comezará a tributar nese territorio.
Imaxe dun documental sobre o coñecido Youtuber. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe dun documental sobre o coñecido Youtuber. (Foto: Europa Press)

Nun momento no que as plataformas de creación de contido como Youtube e, especialmente, Twitch viven unha nova eclosión grazas en parte á pandemia e o confinamento do ano pasado, todo o que fan as e os youtubers máis coñecidos do Estado español convírtese en tema de debate. Hoxe foi El Rubius (un dos profesionais deste ámbito de primeira xeración en España e presente en ambas redes sociais cuns números incontestábeis) quen marcou a xornada noutros foros como Twitter.

O coñecido creador, un referente para moitas nenas e nenos tamén na Galiza, anunciou que marcha a vivir a Andorra, onde ten previsto tributar despois de que pagara os seus impostos no Estado español desde que iniciou a súa carreira até agora. Malia que esta situación non tería por que ter transcendencia máis alá da vida privada de Rubén Doblas -o seu nome real- a decisión vén de motivar un amplo debate nas redes sociais.

Por exemplo, nun momento en que hai moitas noticias importantes, Doblas foi quen de situar catro cancelos entre os temas máis falados en Twitter nesta segunda feira. Aliás o seu propio nome de usuario, tamén Andorra, IRPF e youtubers tiveron os seus propios fíos para analizar o por que da decisión do youtuber de marchar de España.

Mentres que outro referente para as novas xeracións como Ibai Llanos falaba nun directo en Twitch da súa intención de seguir pagando o IRPF no Estado español, Rubius non é o primeiro destes novos profesionais da comunicación audivisual que decide marchar a Andorra por entender que alí os impostos son máis xustos.

Antes foron WillyRex, The Grefg ou Vegetta777, entre outros, os que estabeleceron o seu domicilio no Principado. "Levo os dez anos da miña carreira como youtuber pagando aquí", comentou El Rubius, de 30 anos, consciente de que haberá críticas pola súa decisión. No entanto, aclarou que a baixada dos impostos é un incentivo pero que a mudanza vai tamén ligada a que todas as súas amizades xa viven alí. Porén, as críticas foron a tónica xeral.

Opinións na mesma liña

"Se marchas a Andorra a acaparar diñeiro e contribuír menos do que che correspondería marchas e calas. O da ximnasia mental de que marchas porque todos os teus amigos están alí ou a perversión de equiparar impostos con donativos ou roubo, a aforras", lamentaba un usuario.

Outra persoa engadiu un tuit, dos miles enviados á rede a través dos catro cancelos, no que opinaba. "El Rubius gaña máis de catro millóns de euros ao ano, dos que lle quedan máis da metade, e creo que deberían dar clases de matemáticas básicas e economía doméstica obrigatoriamente aos youtubers porque ao parecer non alcanzan a entender canto diñeiro é un millón de euros".

"Creo que moitos youtubers e streamers pensamos algunha vez en irnos a vivir a Andorra... Pero eu tamén os animo a que lle dedes unha segunda volta a eses pensamentos por moi tentadores que sexan", reflexionaba Cristinini, outra das creadoras do momento. Aludía así ás declaracións feitas hoxe por outro compañeiro de profesión, Alexelcapo.

Comentarios