Elévanse a 13.000 os casos de alumnas intoxicadas por envelenamentos no Irán

O Ministerio do Interior do Irán confirmou esta fin de semana a detención de varias persoas vinculadas con estes casos de envelenamentos, que desde Teherán consideran forma parte dun complot orquestrado por países "inimigos".
Muller xunto a un mural coa bandeira do Irán, en Teherán (Foto: DANI SALVÀ / VWPICS / ZUMA PRESS / CONTACTOPHOTO).
photo_camera Muller xunto a un mural coa bandeira do Irán, en Teherán (Foto: DANI SALVÀ / VWPICS / ZUMA PRESS / CONTACTOPHOTO).

As autoridades sanitarias do Irán confirmaron esta segunda feira que a cifra de alumnas intoxicadas no marco dos misteriosos casos de envelenamento en centros educativos do país aumentou a 13.000, un centenar das cales aínda seguen hospitalizadas.

Desde o Goberno iraniano mostraron a súa condena a esta onda de intoxicacións (que xa se saldou polo menos cun centenar de detencións), aínda que é certo que celebraron que "afortunadamente non houbo ningunha morte entre as estudantes".

Na mesma liña, as autoridades educativas iranianas incidiron en que non houbo casos extremadamente graves e informaron de que o persoal docente do país, así como os pais do alumando, están a recibir instrucións sobre como actuar perante un caso de intoxicación, recolle a axencia Tasnim.

Detencións

O Ministerio do Interior do Irán confirmou esta fin de semana a detención de varias persoas vinculadas con estes casos de envelenamentos, que desde Teherán consideran forma parte dun complot orquestrado por países "inimigos".

Teherán asegura que entre os arrestados hai casos de persoas que actuaron "por travesura" co "obxectivo de fechar as aulas", así como detidos "con motivos hostís", cuxo fin era "sementar o terror no pobo e no estudantado, creando escepticismo cara ao sistema", recolle a axencia de noticias IRNA.

Os envelenamentos

Os primeiros envelenamentos denunciáronse hai máis de dous meses nunha escola situada en Qom, capital da provincia homónima, pero desde entón estendéronse a outros puntos do país, aínda que é certo que polo momento se descoñece o alcance real desta onda de intoxicacións.

Comentarios