Eleccións EUA: Trump declárase gañador co reconto aínda en curso e moi axustado

O republicano obtén mellores resultados dos que lle prognosticaban as enquisas. Reconto axustado e que vai ser longo polos millóns de votos anticipados e por correo. Biden afirma que "é posíbel gañar" e Trump asegura que gañou as eleccións e advirte que "están intentando roubar [os resultados]". 

 

O ex preidente dos EUA (Donald Trump)
photo_camera Donald Trump (Foto: @realdonaldtrump)

Donald Trump volve dar a sorpresa. O presidente de momento non cae derrotado como apontaban case todas as enquisas e sondaxes e mesmo pode gañar as eleccións e outra vez, como en  2016, contra todo prognóstico. Mais o reconto é axustado e vai ser longo, nalgúns estados de varios días por mor do voto anticipado e por correo, 100 millóns de sufraxios en todos os Estados Unidos. Logo, como insisten analistas e xornalistas en EUA, hai partido e calquera dos 2 candidatos pode impoñerse. 

Existe unha forte posibilidade de que non haxa vencedor declarado esta cuarta feira e que a papeleta vaia a unha batalla legal

Trump está liderando o reconto nos estados claves: Florida (que logra, cos seus 29 valiosos representantes), Pensilvania (leva máis de 10 puntos de vantaxe a Biden), Wisconsin ou Michigan. De metelos finalmente no peto, tería moi cerca ser presidente. Tamén logra tamén gañar en estados como Texas (38 representantes), onde gañou en 2016 mais as enquisas indicaban que desta volta votaría polos demócratas.

Trump: "Gañamos as eleccións e agora imos asegurarnos de que non se produza unha fraude enorme no noso país. Imos ir á Corte Suprema dos EUA para ver que pasou".

O chamado ‘corredor de ferruxe’ (rust belt), estados entre Apalaches e Grandes Lagos que no seu día foron enclaves de industria pesadas fortemente golpeados pola crise en 2009, volve sorrir a Trump como hai catro anos.  Á espera do reconto do voto por correo o republicano faise aquí con estados clave para sumar os 270 representantes necesarios para ser presidente.

Ás 10:20 da mañá, hora da Galiza, Biden sumaba 227 representantes e Trump 213. Mais Trump leva vantaxe neses estados clave que aínda están en reconto de voto  (Michigan, Pensilvania…) onde os seus representantes van ser os que determinen quen vai ocupar a Casa Branca os vindeiros 4 anos.

Paciencia

É unha das palabras que se está a repetir nesta noite electoral: paciencia. O voto por correo (que algúns estados non van contar até esta cuarta e quinta feira) pode ser determinante. En principio, e segundo as enquisas, ese voto sería maiormente demócrata.  Porén, e á vista do fracaso das sondaxes esta noite - e en 2016- esa afirmación debería de se tomar con precaución.

Joe Biden gañou en estados onde tradicionalmente os demócratas se impoñen sen problemas, como Nova York (29 representantes) ou California (55) e Illinois (20).  O demócrata xa se impuxo en 16 estados ás 7:00 horas (hora do Estado español).

A campaña de  Biden acusa Trump de tentar "invalidar" votos: "A declaración esta noite do presidente, que tenta deter o reconto de votos debidamente emitidos, é indignante, sen precedentes e incorrecta"

E Donald Trump? Gañou xa unha vintena de estados, se ben cun peso en representantes menor que onde se impuxo Biden. 

Biden: “Temos posibilidades de gañar”

O candidato do Partido Demócrata compareceu ás 6:40, hora da Galiza, para insuflar ánimo aos seus seguidores: “Creo que temos posibilidades de gañar”, dixo, apontando que “sabiamos que ía ser difícil”.

Biden remarcou que vai ser un proceso de reconto “longo” e sinalou que o resultado final pode ser moi axustado: “que se conte cada voto”. Os demócratas encoméndanse ao reconto do voto por correo. 

Trump: “Están intentando roubar estas eleccións”

A primeira mensaxe de Donald Trump esta noite foi a través da súa rede social preferida, twitter, pouco despois da breve intervención de Joe Biden: “Imos moi por diante. Están a intentar roubarnos as eleccións e non imos permitilo”, escribiu

Pasadas as 8, Trump compareceu na Casa Branca e afirmou que estabamos perante uns resultados históricos. "Estamos gañando", dixo, "non nos poden coller", acrecentou.

"Estamos a ter unha noite fantástica, iamos gañar e de súpeto pararon as eleccións", dixo. "Decatáronse que non podían gañar", engadiu. "Gañamos as eleccións", enfatizou "e agora imos asegurarnos de que non se produza unha fraude enorme no noso país. Imos ir á Corte Suprema dos EUA para ver que pasou".

A campaña de  Biden acusa Trump de tentar "invalidar" votos: "A declaración esta noite do presidente, que tenta deter o reconto de votos debidamente emitidos, é indignante, sen precedentes e incorrecta". 

Comentarios