As eleccións catalás decorrerán o 14 de febreiro

O adianto dos comicios está fixado pola inhabilitación de Quim Torra á fronte da Generalitat. A sentenza foi dada a coñecer esta misma semana polo Tribunal Supremo.

O presidente do Parlamento de Catalunya, Roger Torrent. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Parlamento de Catalunya, Roger Torrent. (Foto: Europa Press)

O presidente do Parlamento de Catalunya, Rogert Torrent, fixo pública nunha entrevista radiofónica a decisión de convocar os próximos comicios cataláns para o 14 de febreiro. A data electoral está marcada pola recente decisión do Tribunal Supremo español de inhabilitar o mandatario saído dos anteriores comicios, Quim Torra, condenado por colocar nos edificios da Generalitat unha faixa onde se reclamaba a liberdade dos presos e presas políticas.

Torra é o segundo presidente catalán nun prazo de tres anos apartado da súa responsabilidade pola xustiza española, unha vez que esta provocou o exilio do seu antecesor, Carles Puigdemont.

“Se non hai un debate de investidura no Parlamento, iremos a eleccións. De feito, o cómputo finalizaría o 10 de febreiro e, polo tanto, iríamos ao domingo 14 de febreiro”, sinala Torrent, quen apostou por volver realizar os comicios en domingo pola situación de emerxencia sanitaria.

“Ten todo o sentido do mundo”, continuou Torrent, quen explicou que o 15 de outubro remata o prazo da rolda de contactos cos grupos e no caso de non aparecer candidatos con apoios suficientes e non realizarse acto de investidura nos dous meses seguintes os comicios convocaranse de maneira automática en 54 días.

O anuncio de Torrent causou certa sorpresa nas filas da oposición e do propio Govern. Así, a portavoz do Executivo catalán, Meritxell Budó, afirmou descoñecer a data das eleccións e referiuse a “unha falla de comunicación entre o Parlamento e o Goberno de Catalunya”. Nuns termos semellantes, a portavoz de Junts per Catalunya no Congreso dos Deputados, Laura Borrás, apuntou que “estes temas nun principio débense acordar no Goberno”. Precisamente, Borrás expresou a súa disposición a liderar a lista deste espazo político, unha vez que se coñeceu a inhabilitación de Torra.

As diversas enquisas coñecidas até o agora debuxan unha maioría absoluta clara do nacionalismo na Cámara catalá, sinalando a ERC como primeira forza política. Porén, os traballos de opinión coñecidos nas últimas semanas tenden a reducir as distancias entre ERC e Junts per Catalunya, estabelecendo algunhas delas un empate técnico entre ambas as forzas.

As posibilidades da formación de Puigdemont pódense ver melloradas unha vez que se confirme o acordo co PDeCat, operación moi avanzada e onde o antigo presidente Artur Mas está a xogar un papel chave.

Comentarios