El Mundo publica os SMS entre Rajoy e Bárcenas onde lle pide que nege a contabilidade B do PP

O diario español publica este domingo unhas supostas mensaxes partilladas entre Luis Bárcenas e Mariano Rajoy. As conversas producíronse, segundo El Mundo, após estourar o escándalo da contabilidade B e os sobresoldos na cúpula do PP 

Bárcenas continúa tirando da manta e todo apunta a que Pedro J. Ramírez, o director de El Mundo, está a ser o encargado de difundir a información do ex-tesoureiro do Partido Popular. 

Após publicarse un dos orixinais do caderno en que Luis Bárcenas documentou os pagamentos en B á cúpula do PP durante 20 anos, o rotativo madrileño publica este domingo alguns dos SMS que, segundo El Mundo, terían intercambiado Mariano Rajoy e Bárcenas após saíren á luz as contas de Suíza --con 22 millóns de euros en negro. Nas conversas, Rajoy tenta calmar ao ex-tesoureiro e darlle folgos asegurando que a dirección do partido está a facer "o que podemos". 

Nas mensaxes de texto --que datan dos anos 2011, 2012 e 2013--, o presidente do Goberno español pídelle ao quen foi responsábel das finanzas do Partido Popular que negue a existencia dunha contabilidade irregular, así como o pagamento de sobresoldos á cúpula do partido. Porén, a actitude da formación popular co ex-tesoureiro remata por acabar coa obediencia de Bárcenas. 

Neste senso, após ser despedido e de acordo coa información publicada por El Mundo, Bárcenas advirte ao presidente do partido: "Ti saberás a que estades xogando". 

As mensaxes de texto publicadas saen á luz logo de o PP acusar a Bárcenas de ser "un delicuente" que fixo, din, "da mentira o seu estilo de vida" --segundo afirmou Alfonso Alonso este sábado. 

O ex-tesoureiro devolve así os ataques á cúpula do que fora o seu partido e desde El Mundo advirten de que a información publicada é só unha parte das mensaxes que o rotativo ten no seu poder. 

Comentarios