El Mundo publica os xustificantes que contradín a Cospedal

O diario de Pedro J. fai públicos dous documentos que o ex-tesoureiro entregou ao xuíz Ruz. Neles, Bárcenas recolle os pagamentos a Rajoy, Trillo e Rato en 2000-2001 e o cobro do PP de Castela A Mancha que onte negou Cospedal

Perto de 50.000 euros pagados a Rodrigo Rato, Mariano Rajoy e Trillo cando estes eran ministros do executivo Aznar. Aliás, un xustificante asinado polo aínda xerente do Partido Popular de Castela A Mancha polos 100.000 euros recibidos pola agrupación da que é presidenta Maria Dolores de Cospedal. A secretaria xeral do PP negaba onte en comparecencia de imprensa que estes cobros e pagamentos fosen certos. 

Após a declaración de Bárcenas perante a Audiencia Nacional española, o diario El Mundo publica dous documentos que virían a confirmar o dito polo ex-tesoureiro e que o PP negou onte de maneira "taxativa". O rotativo madrileño asegura esta terza feira nas súas páxinas en papel que Luís Bárcenas tería entregado "centos de elementos probatorios" en relación ao financiamento ilegal do Partido Popular, así como dos sobresoldos recibidos pol@s dirixentes da formación mesmo cando exercían responsabilidades de goberno. 

Aliás, o que foi responsábel da contabilidade do PP durante anos, asegurou na súa declaración ter pagado sobresoldos ao presidente do Goberno español e á presidente de Castela A Mancha en 2008, 2009 e 2010. Todos eles, obtidos a través de comisións irregulares pagadas por grandes empresas españolas, a maior parte vencelladas á construción e á Gürtel.

Comentarios