EH Bildu di "non, grazas" á idea do PNV de "vivir con España"

A campaña electoral vasca semella cada vez máis cousa de dous, PNV e EH Bildu, aos que as sucesivas enquisas dan como forzas máis votadas e cunha estreita marxe entre ambas as dúas. O soberanismo segue a centrar a campaña, cun PNV lanzando mensaxes de tranquilidade a Madrid e unha esquerda abertzale que pide bogar cara á independencia. PSOE e PP din que o soberanismo sería unha catástrofe.
Laura Mintegui, candidata de EH-Bildu
photo_camera Laura Mintegui, candidata de EH-Bildu

Iñigo Urkullu, candidato do PNV, amosouse partidario de "convivir con España", aunando maiores cotas de autogoberno para Euskadi e manterse no marco do Estado español. EH BIldu xa respostou por boca da súa candidata, Laura Mintegi, que "ez, eskerrik asko" (non, grazas). Ambas as dúas forzas nacionalistas seguen a copar as enquisas e sondaxes de campaña como as que van ser máis votadas, cunha estreita marxe de diferenza: Segundo o informe diario de Naiz, PNV 26 escanos, Eh Bildu, 24; PSOE 13 e populares, 10, Esker Anitza tería 1 e UPyD mantería o que ten actualmente.

No arranque desta semana, os diferentes partidos e organizacións coincidiron en lanzar mensaxes ao empresariado vasco. Rajoy desembarcou en Euskadi para, acompañado do candidato popular Basagoiti, manter unha xuntanza con empresari@s, aos que, como non, advertiu que unha independencia de Euskal Herria sería un escenario pésimo. Na mesma liña estivo o socialista Pachi López, que nunha visita a un polígono empresarial, alertou que o soberanismo sería un desastre económico para Euskal Herria. Dito isto, manifestou a súa sorpresa polo feito de que a asociación de empresarios de Gipuzkoa, Adegi, dixese que a súa relación coa deputación deste herrialde, gobernada por Bildu, é "fluída".

Sabino Arana e Stalin

A nota esperpéntica da campaña vén de poñela o PP cun anuncio publicitario en medios de comunicación en que saen abrazados Sabino Arana e Stalin baixo a fase "Dios los cría y tu abstención los junta. Si tu no vas, ellos ganan". Desde a esquerda abertzale algunhas voces retrucaron que "o PP, como paiaso, non ten prezo. Para gobernar si, o que lle poña España, Bruxelas e os mercados". 

Comentarios