Eh Bildu considera "difícil" un acordo de goberno co PNV como prefire a maioría da sociedade vasca

Laura Mintegi valora o paso dado polo PNV ao presentaren un documento con propostas en autogoberno, economía e paz, entre outras. Mais sinala que ve difícil chegar a un acordo de goberno pois as propostas económicas e fiscais dos jeltzales están en contradicción coas da esquerda abertzale.

Un goberno monocor do PNV con pactos puntuais segundo que materias co resto de forzas representadas no Parlamento de Euskadi. Este é o escenario que a candidata a lehendakari por EH Bildu, Laura Mintegi, ve actualmente en canto á formación do executivo vasco. Mintegi declarou que ve "difícil" chegar a un acordo de goberno co PNV, poñendo como exemplo as propostas económicas incluidas no documento que os jeltzales presentaron ao resto de forzas na toma de contactos para formar o executivo.

A respeito dese documento, a abertzale declarou que "o celofán é bonito, o paquete está ben feito, pero ao empezar a abrir o paquete, atopámonos con que non todo é tan bonito".

Mintegi considera que hai campos onde o PNV "vai na dirección axeitada", entre os que sinalou os da convivencia ou mesmo reclamar máis poder de decisión para Euskadi. Mais no terreo económico e fiscal, hai "máis dificultades".

@s vasc@s, por un pacto abertzale

Segundo unha sondaxe publicada esta semana, o 26% dos e das cidadás de Euskadi optan por un pacto de goberno entre PNV e EH Bildu, fronte a un 22% que prefiren reeditar o pacto PNV/PSOE e un 23% que gostan dun goberno do PNV en solitario


Comentarios