Novo tracking eleitoral

O efeito Bruxelas dispara as expectativas do soberanismo até consolidar a maioría absoluta

Un antes e un despois. Iso é o que marcaría a masiva manifestación independentista de Bruxelas. E iso é o que se tira da terceira mostra do tracking de ElNacional.Cat: o soberanismo tería neste momento un chan de 69 escanos, 1 por cima da maioría absoluta.

catalunya bruxelas ANC
photo_camera Miles de cataláns colapsaron o centro de Bruxelas

O efeito Bruxelas e o efeito Puigdemont empurran as expectativas do independentismo, de acordo coa terceira vaga do tracking de ElNacional.Cat, elaborado pola empresa Feedback.

ERC continúa a aparecer como a forza máis votada, con 22,27 por cento do voto, entre 32 e 33 escanos. A segunda praza mantena o Cs de Inés Arrimadas, con 21,28 por cento, entre 28 e 30, cunha lixeira tendencia ao descenso. Todo o contrario da emerxencia que mostra Junts per Catalunya, a listaxe que lidera Carles Puigdemont, a quen Feedback atribúe agora 18,94 por cento dos apoios e entre 28 e 30 escanos, isto é, empate técnico con Cs.

A maioría absoluta do soberanismo completaríaa a CUP, que se estabiliza en 9 escanos (7,37 por cento do voto). Isto significa que no pior dos casos as forzas independentistas terían 69 escanos. No mellor, 72 asentos, isto é, o mesmo caudal de representación que en setembro de 2015 obtiveron JxXSí e a candidatura anti-capitalista.

Canto ao resto das forzas, polo lado dos unionistas o PSC amarraría 15,89 por cento dos sufraxios (21-22 escanos, face os actuais 16), e o PP subiría lixeiramente a respeito de trackings anteriores até se situar en 6,11 por cento, entre 6 e 7 actas (11 en 2015). Canto aos equidistantes, Catalunya en Comú-Podem obtería 7,42 por cento, 9 escanos (2 menos que nas anteriores eleccións ao Parlament).

Comentarios