As consecuencias da pandemia tamén afectan a meteoroloxía

A redución, por exemplo, nos voos comerciais que proporcionan datos ás axencias poñen en risco as predicións sobre os desastres naturais. Por outra banda, a Cimeira do Clima prevista para novembro foi adiada a 2021.

nasa

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) expresou a súa preocupación polo efecto da pandemia do coronavirus na cantidade e a calidade tanto das observacións e os prognósticos meteorolóxicos como da vixilancia atmosférica e climática.

A redución nos voos comerciais que proporcionan datos ás axencias de meteoroloxía, así como o paro na actividade dos traballadores que rexistran as condicións terrestres e atmosféricas en moitos países, poñen en risco as medicións meteorolóxicas e as predicións sobre os desastres naturais.

Os datos do Sistema Mundial de Observación, recollidos en 193 países, sobre o estado da atmosfera e a superficie do océano, a través de instrumentos terrestres, mariños e espaciais, permiten elaborar análises, prognósticos, advertencias e alertas meteorolóxicas.

No caso do tránsito aéreo, as medicións da temperatura ambiente e da velocidade e dirección do vento realizadas durante os voos son unha fonte de información moi importante tanto para a predición meteorolóxica como para a vixilancia do clima, explican desde a OMM.

"As consecuencias do cambio climático e da crecente cantidade de desastres de natureza meteorolóxica non cesan. A pandemia da COVID-19 leva consigo un desafío adicional, e pode agravar os riscos asociados a múltiples perigos a nivel dun único país", sinalan.

Cimeira do Clima, adiada

Por outra banda, a Cimeira do Clima da ONU que debía desenvolverse na cidade escocesa de Glasgow entre o 9 e 20 de novembro, a COP26, adiarase a 2021, aínda sen unha data concreta, por mor da pandemia.

"Á vista do impacto mundial e continuo da COVID-19, a celebración dunha COP26 ambiciosa e inclusiva en novembro 2020 non é posíbel", sinalou nun comunicado o anfitrión principal deste evento, o Goberno británico.

Comentarios