EUA recoñece que o mísil norcoreano ten alcance intercontinental

Washington confirma que Pyongyang conta xa coa tecnoloxía necesaria para alcanzar terras norteamericanas. O tipo de mísil empregado nas probas de lanzamento realizadas o 4 de xullo en Corea do Norte podería servir para lanzar armas nucleares.

Mísil Corea do Norte

Corea do Norte anunciaba esta terza feira, 4 de xullo, a través da televisión estatal o éxito do lanzamento dun mísil balísitico intercontinental, o que suporía un enorme avance no programa armamentístico de Pyongyang. O Pentágono ven de confirmar estas afirmacións o que supón que o exército norcoreano podería alcanzar potencialmente Estados Unidos. É a primeira vez que Corea do Norte realiza con éxito o lanzamento deste tipo de mísil.

Corra do Norte leva anos desenvolvendo tecnoloxía nuclear e misís co fin de poder alcanzar terra estadounidense. Para conseguilo, o proxectil debería recorrer aproximadamente 9.000 km, distancia a partir da cal se considera que un mísil é intercontinental. O mísil lanzado o 4 de xullo, coincidindo coa festa nacional de Estados Unidos, contaría con estas características.

A estrutura do ICBM, este tipo de mísil, permitiría lanzar armas nucleares de gran envergadura. Porén, expertos afirman que Pyongyang aínda está lonxe de poder dar este paso xa que non conta con armas nucleares que podan resistir o traxecto.

Estados Unidos afirma que o nivel de ameaza aumentou e que non permitirá unha Corea do Norte armada nuclearmente. Pola súa parte, a ONU condeou as probas e reuniu o Consello de Seguridade. O encontro terá lugar esta cuarta feira.

Comentarios