Edimburgo vivirá hoxe unha marcha pola independencia

O comité organizador confía en superar a afluencia de asistentes rexistada en 2012, cando máis de 10.000 persoas marcharon por unha Escocia independente. O independentismo quer hoxe exhibir músculo a apenas un ano do referendo. Podes seguila ao vivo aquí.

Rally independence Escocia
photo_camera Imaxe da manifestación de 2012

Superar longamente a cifra de asistentes do ano pasado e enviar unha clara mensaxe ao mundo de que a independencia é unha causa que medra a ollos vistos é o grande obxectivo do comité cívico organizador da marcha, á que asistirán, entre outros dirixentes políticos, o líder do SNP e primeiro ministro do goberno autónomo de Escocia, Alex Salmond.

Todo comezará arredor do mediodía en High Street e, após percorrer North Bridge, Princess Street e Waterloo Place, a manifestación concluirá en Calton Hill. Alí, desde as 13 até ás 16 horas, hanse suceder os discursos e as actuacións musicais.

Alén de Salmond, está previsto que tomen a palabra a deputada independente Margo MacDonald; o deputado dos Verdes Patrick Harvie; o dirixente do Scottish Socialist Party, Colin Fox; a portavoz de Women for Independence, Carolyn Leckie, ben como os membres da campaña Yes Scotland Dennis Cannavan e Blair Jenkins.

Podes ver ao vivo a marcha aquí. #IndyRally é o hashtag proposto polo comité organizador.

Comentarios