Segunda volta

O Ecuador decide entre continuidade ou viraxe

Máis de 12 millóns de ecuatorianas e ecuatorianos decidirán este domingo o novo presidente entre o socialista Lenín Moreno, que representa a continuidade das políticas emprendidas por Rafael Correa, e Guillermo Lasso, ex banqueiro de dereitas que avoga nunha viraxe conservadora.

Rafael-Correa-e-Lenin-Moreno-ecuador
photo_camera Lenín Moreno, á esquerda, e Rafael Correa

O movemento gobernante Alianza PAIS concorre a estas eleccións, por vez primeira en dez anos, sen o presidente Rafael Correa como candidato. É Lenín Moreno, ex vicepresidente, quen encarna o socialismo e quen aposta pola continuidade do proxecto de Correa. Lenín Moreno enfróntase a Guillermo Lasso, que avoga nun cambio conservador.

As últimas enquisas, que por lei puideron difundirse no Ecuador até o 22 de marzo, sitúan Moreno en primeiro lugar cunha marxe que oscila entre os catro e os 14 puntos. Porén, algúns medios recollen proxeccións privadas que indicarían que Lasso gañaría terreo.

Trátase esta da segunda volta das eleccións. A primeira volta tivo lugar o 19 de febreiro de 2017, cando Lenín Moreno obtivo o 39,36% dos apoios, fronte ao 28,09% do ex banqueiro conservador.

Comentarios