O movemento gobernante Alianza PAIS concorre a estas eleccións, por vez primeira en dez anos, sen o presidente Rafael Correa como candidato. É Lenín Moreno, ex vicepresidente, quen encarna o socialismo e quen aposta pola continuidade do proxecto de Correa. Lenín Moreno enfróntase a Guillermo Lasso, que avoga nun cambio conservador.
As últimas enquisas, que por lei puideron difundirse no Ecuador até o 22 de marzo, sitúan Moreno en primeiro lugar cunha marxe que oscila entre os catro e os 14 puntos. Porén, algúns medios recollen proxeccións privadas que indicarían que Lasso gañaría terreo.
Trátase esta da segunda volta das eleccións. A primeira volta tivo lugar o 19 de febreiro de 2017, cando Lenín Moreno obtivo o 39,36% dos apoios, fronte ao 28,09% do ex banqueiro conservador.