Ecuador admite que cortou a Internet a Assange para que non continuase a "interferir" na campaña dos EUA

Unha nota oficial da chancelaría ecuatoriana recoñece que a interrupción do servizo de internet a Julian Assange ten a ver coa campaña eleitoral en curso nos EUA.

assange
photo_camera assange

Assange ficou sen acceso á rede após o sábado Wikileaks ter filtrado información que demostraría que Hillary Clinton ofereceu conferencias pagas pola financeira Goldman Sachs.

Ecuador tomou a decisión de suspender a conexión de Assange de forma temporal, o que indica que restabelecerá o servizo en canto a campaña eleitoral concluír.

“O Goberno do Ecuador respeita o principio de non intervención nos asuntos doutros países, e non se inmisce en procesos eleitorais en curso nen apoia un candidato en especial”, di a chancelaría ecuatoriana. E engade: “Esta restrición temporal non impide que a organización Wikileaks leve a cabo ás súas actividades xornalísticas”. Iso é certo, tamén o é que as entorpece, tendo en conta que é Julian Assange o coordenador do portal.

Wikileaks acusa John Kerry, secretario de Estado dos EUA, de presionar Quito para desactivar Assange. Ecuador nega a existencia de calquera intromisión norteamericana. “A política exterior do Ecuador responde exclusivamente a decisións soberanas e non cede perante presións doutros países”, afirma.

Ecuador xa esclareu esta segunda feira que este incidente non afecta a vixencia do asilo de Assange, quen mora na súa embaixada en Londres desde o verán de 2012.

Comentarios