"Economía de guerra" fronte á pandemia

Os líderes do G-20, o maior espazo de deliberación política e económica internacional, que dá conta de 85% do Produto Mundial Bruto, reúnense hoxe de emerxencia para abordar as consecuencias da pandemia da COVID-19. De novo, a vida das persoas  máis desamparadas do planeta é a que está na liña de fogo.
June 28, 2019 - Osaka, Japan: President Donald J. Trump participates in a group photo during G20 Cultural Program at the Osaka Geihinkan with fellow leaders attending G20 Japan Summit. (Tia Dufour/The White House/Contacto)
ONLY FOR USE IN SPAIN

June 28, 2019 - Osaka, Japan: President Donald J. Trump participates in a group photo during G20 Cultural Program at the Osaka Geihinkan with fellow leaders attending G20 Japan Summit. (Tia Dufour/The White House/Polaris)
  (Foto de ARCHIVO)

29/6/2019 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Imaxe oficial da cimeira do G-20 organizada en 2019 baixo a Presidencia rotatoria do Xapón (POLARIS)

A xuntanza telemática que o Eurogrupo mantivo na terza feira, tal e como se prevía, mostrou a disposición dos ministros de Economía da eurozona a activar o Mecanismo Europeo de Estabilidade (o fondo de rescate) aínda que non se chegou a ningún acordo concreto. A mutualización da débeda en forma de eurobonos (os xa coñecidos como "coronabonos") si que parece máis complicada ante a negativa dos Países Baixos e de Alemaña a compartir o peso da crise económica cos veciños do sur. "Cómpre aínda máis traballo", resumiu o presidente do Eurogrupo, Mário Centeno.

Na xornada de hoxe, a UE terá outra ocasión de acordar medidas que dean resposta ás consecuencias humanas e económicas da pandemia da COVID-19. Participará por vía telemática, canda o resto de membros do G-20, nunha "cimeira de urxencia". 

Organismos internacionais

O G-20 é o maior espazo de deliberación política e económica internacional e dá conta de 85% do Produto Mundial Bruto. Fan parte: Alemaña, Arabia Saudí, a Arxentina, Australia, o Brasil, o Canadá, Corea do Sur, a China, os Estados Unidos, Francia, a India, Indonesia, Italia, México, o Reino Unido, Rusia, Suráfrica, Turquía, a UE e o Xapón. España é convidado permanente.

Arabia Saudía, que ostenta a Presidencia rotatoria, informou de que tamén participarán os líderes de Xordania, Singapur e Suíza, e de organizacións internacionais como a ONU, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial da Saúde, a Organización Mundial do Comercio, a Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura, a Xunta de Estabilidade Financeira, a Organización Internacional do Traballo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos.

Tamén participarán Vietnam, presidente da Asociación de Nacións do Sureste Asiático; os Emiratos Árabes Unidos, presidente do Consello de Cooperación do Golfo; e Ruanda, presidente da Nova Asociación para o Desenvolvemento de África. Sudáfrica, aínda que membro permanente, participará ademais como presidente da Unión Africana. 

Choque China-EUA

A maioría dos principais líderes mundiais confirmaron nas últimas horas a súa participación. É o caso do presidente chinés, Xi Jinping, que o fixo onte, e do seu homólogo ruso, Valdimir Putin, que o fixo un día antes. Non o fixo o mandatario estadounidense, Donald Trump, aínda que se agarda a súa comparecencia.

Esta xuntanza vén precedida da que os ministros de Economía e presidentes dos bancos centrais do G-20 mantiveron a comezos da semana. O enfrontamento entre os EUA e a China, con acusacións pola responsabilidade do brote en humanos do novo coronavirus ─e a guerra comercial e tecnolóxica como pano de fondo─, frustrou entón a adopción de medidas conxuntas contra a pandemia. 

"Mundo interconectado"

A respecto da reunión de hoxe, o secretario xeral da ONU, António Guterres, afirmou ─nunha carta enviada aos líderes do G-20─ que é unha "ocasión extraordinaria" para abordar a crise. "As escolas están a pechar, as xa permanentes desigualdades están a aumentar, moitos países non son quen de dar resposta as enormes necesidades dos anciáns, e as mulleres, que representan 70% dos traballadores da sanidade, estanse a ver desproporcionadamente afectadas".

Acordar medidas conxuntas "sería unha mostra de solidariedade coas xentes do mundo, especialmente as máis vulnerábeis", escribiu, ao tempo que lembrou que os países máis poderosos teñen "un interese directo en axudar os países en desenvolvemento". "Lembremos que somos tan fortes como o máis feble dos sistemas sanitarios do noso mundo interconectado", destacou.

"A COVID-19 requirirá unha resposta como nunca antes. Economía de guerra en tempos de crise humana", dixo Guterres, que pediu un paquete de estímulo económico de "billóns de dólares". Aquí, incluíu medidas de política fiscal expansiva (máis gasto público), que deben ir acompañadas "por un claro rexeitamento das políticas proteccionistas".

Ademais, o xefe da ONU exixiu "a eliminación de aranceis e restricións fronteirizas que afectan a distribución de material médico, medicinas e outros bens esenciais". "Todo o que non chegue a este compromiso levará a unha pandemia de proporcións apocalípticas que nos afectará a todos".

Comentarios