Análise

O ecofascismo, a OTAN e o inminente colapso civilizatorio

Ramón Grosfoguel, profesor da Universidade de California en Berkeley, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Estamos ante o seguinte dilema: civilización de morte vs. civilización que afirme a vida. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Estamos ante o seguinte dilema: civilización de morte vs. civilización que afirme a vida. (Ilustración: Álex Rozados)

As elites financeiras globais, que apenas representan menos de 1% da poboación mundial, pretenden manter o seu dominio a pesar do inminente e inevitábel colapso civilizatorio da "modernidade capitalista occidental". Farano reciclándose da mesma maneira que as familias feudais conseguiron facelo durante o colapso do sistema feudal e a transición ao capitalismo a partir do século XVI; e para logralo, estas elites financeiras transnacionais están dispostas mesmo a destruír unha boa parte do planeta e a exterminar a miles de millóns de seres humanos. Estas elites teñen un proxecto ecofascista, como veremos a continuación.

Ante este escenario é fundamental facer unha análise estrutural porque están pasando cousas que non teñen sentido dentro das lóxicas do capitalismo moderno, a menos que tomemos en conta as estruturas de longa duración do sistema civilizatorio creado hai cinco séculos coa expansión colonial europea a partir da segunda metade do século XV. Por exemplo, como é posíbel que as elites do capital financeiro que se concentrou en oligopolios e que invisten ou desinvisten segundo a súa conveniencia e controlan os mercados como nunca antes na historia estean a actuar aparentemente en contra dos seus propios intereses económicos? O gran capital financeiro europeo e estadounidense está asociado con empresas enerxéticas, de automóbiles e de todo tipo. Son as elites dos enormes conglomerados financeiros os que están detrás de todas as decisións das grandes empresas mundiais e do Foro Económico Mundial de Davos. O que non se entende ben é por que están a permitir a destrución económica de Europa. Se miramos os intereses destes conglomerados, a guerra en Ucraína e as sancións dos EUA contra Rusia son un problema moi serio para as empresas europeas. A substitución das empresas enerxéticas rusas polas transnacionais estadounidenses permite unha hiperinflación mundial.

É obvio que as transnacionais dos EUA se beneficiaron desta xogada. Desatada a guerra en Ucraína, o segundo paso era sancionar Rusia para así as empresas estadounidenses conquistar os mercados europeos para os seus produtos que venden agora a prezos de monopolio. A pregunta é: por que as elites europeas son cómplices de algo que supostamente as está "arruinando"? Doutra banda, figuras conservadoras do establishment estadounidense, como Kissinger, denunciaron que esta guerra en Ucraína é unha tolemia porque estamos ao bordo dunha guerra nuclear que pode destruír Europa e unha boa parte da humanidade.

Para entender este paradoxo, estamos obrigados a meternos na socioloxía histórica de Immanuel Wallerstein, o teórico do sistema-mundo que desde hai 35 anos vén dicindo que non só a hexemonía estadounidense derrubarase no século XXI, senón que o mesmo sistema-mundo capitalista que leva xa 530 anos tamén colapsará.

Terminada a guerra fría, unha desas decisións que impuxeron ao mundo foi non desmantelar a OTAN como si fixo o bloque Soviético co Pacto de Varsovia

Nos anos 90, cando desapareceu a Unión Soviética e quedaron os EUA como a única superpotencia mundial, moitos de quen o escoitaron acusaron Wallerstein de estar a se volver tolo, porque aquel era o momento álxido do imperialismo estadounidense. Terminada a guerra fría, unha desas decisións que impuxeron ao mundo foi non desmantelar a OTAN como si fixo o bloque Soviético co Pacto de Varsovia. En lugar de disolver a OTAN, decidiron expandila cara á fronteira da Federación Rusa. Fixérono a pesar de que Rusia xa non era unha potencia socialista, senón un país capitalista que quería unirse á Unión Europea e ao mundo capitalista occidental. Con todo, as ilusións de integración esvaecéronse rapidamente ante a labazada que recibiu co saqueo neoliberal do capital financeiro occidental e a ameaza militar produto do expansionismo da OTAN cara ás súas fronteiras con mísiles apuntando cara a Moscova.

Wallerstein, a contracorrente coas narrativas marxistas e weberianas, que o capitalismo non xorde dunha loita de clases, entre a clase burguesa e a aristocracia feudal, senón que o sistema feudal europeo entrou en crise terminal no século XV e, ante o seu desastre, as elites feudais o que fixeron foi emprender a expansión colonial cara a América. Dese xeito, o feudalismo cae en Europa, pero as elites non caeron. As familias feudais europeas recicláronse no século XVI como capitalistas financeiros transnacionais. Salvaron os seus privilexios da crise terminal e do colapso do sistema feudal, creando un novo sistema civilizatorio peor que o anterior.

Logo de 530 anos, chegamos a unha crise terminal deste sistema civilizatorio, tal como anunciaba Wallerstein. El expuña que entre 2020 e 2050 este sistema colapsará e crearase un novo cuxo contido dependerá da acción política dos diferentes actores sociais. Apuntaba que hoxe pode pasar algo parecido ao que pasou a fins do século XV: que as elites capitalistas financeiras transnacionais xeren un novo sistema histórico peor. A outra opción que contemplaba era que os pobos se organicen e coa súa loita produzan un novo sistema civilizatorio máis xusto, máis ecolóxico e máis democrático. Wallerstein describía este momento histórico de bifurcación cara a un novo sistema mundial como a loita entre Davos e Porto Alegre.

Bill Gates e unha boa parte destas elites que se adhiren ao "New Reset" de Davos falan da crise ecolóxica mundial e din que o problema é que hai demasiados seres humanos. É o que chamo ecofascismo

Ante este escenario de colapso hai que escoitar o que propoñen as elites financeiras transnacionais. Bill Gates e unha boa parte destas elites que se adhiren ao "New Reset" de Davos falan da crise ecolóxica mundial e din que o problema é que hai demasiados seres humanos. É o que chamo ecofascismo. Para Gates e a elite ecofascista a crise ecolóxica é porque hai 5.000 millóns de seres humanos de máis e o capitalismo "ecolóxico" dixitalizado ecofascista que propoñen expón como desfacerse dunha parte substancial da poboación mundial.

As elites financeiras concentraron tanto capital que os prognósticos de Lenin sobre o sistema imperialista mundial quedaron curtos. Esta acumulación extraordinaria de capital dálles unha independencia enorme sobre os Estados, aínda que ao mesmo tempo dependen do aparello militar otanista dos Estados imperialistas occidentais para os seus plans diabólicos; pois sacan diñeiro público deles para a industria farmacéutica durante a pandemia, para a industria armamentística coas guerras, para repartir ante as crises económicas e salvarse da quebra.

Pasamos da Plandemia á Planguerra. Se a plandemia non lles deu o número de mortos que esperaban ter, a guerra de Ucraína e a hiperinflación que produce vai levar á morte por fame a unha enorme parte da humanidade. E para rematar, unha guerra nuclear ou convencional rexional en Europa aumentaría os mortos exponencialmente. Estamos ante o seguinte dilema: civilización de morte vs. civilización que afirme a vida. Para afirmar a vida é indispensábel abolir a OTAN. Decida vostede de que lado está.

Comentarios