Breizh (Bretaña) revóltase contra unha eco-taxa imposta por París

O goberno de Hollande quer impor un canon a camións por circular por estradas, medida que xerou un amplo rexeitamento en Bretaña polo que consideran que é un prexuízo a pequenas granxas e empresas agro-alimentarias existentes neste país. Nas protestas estase a recuperar como símbolo un gorro vermello, tradicional hai anos dos campesiños bretóns.

bretaña breizh

Canóns de auga, anti-disturbios, botes de fume... París optou pola man dura esta fin de semana para contestar ás mobilizacións e protestas de milleiros de persoas en Bretaña. Manifestacións que veñen realizándose desde hai semanas neste país e nas que se rescatou un gorro vermello (en desuso e tradicional das zonas campesiñas bretoas) como símbolo de resistencia ao centralismo.

O motivo da revolta é a imposición por parte de París dunha taxa aos camións que circulen polas estradas francesas. Un canon que na Bretaña caeu como unha bomba e cuxo rexeitamento catalizou o grave descontento existente en plena crise. Nun país onde nos últimos anos pecharon moitas empresas e granxas agro-alimentarias, esta eco-taxa percíbese como unha mostra da vontade recadatoria de París sen ter en conta os danos na frota de autónomos transportistas ou pequenas empresas da rama do transporte de pesca e produtos do agro.

Amplo apoio ás protestas

Mais nas manifestacións e protestas non participan só transportistas ou gandeiros. Hai obreiros, desempregados, mocidade, mariñeiros, segundo recolle EFE, pois a revolta é xa contra a xestión da crise e mesmo contra o centralismo.

Desde París, Hollande ofreceu paralizar a entrada en vigor desta eco-taxa (prevista para 1 de xaneiro), mais a oferta non contenta aos bretóns, que esta fin de semana volveron se manifestar en cidades como Kemper ou Karaez-Plougêr.

Comentarios