Euskadi

Activado o protocolo do ébola por un posíbel caso no Hospital de Donostia

Unha muller procedente da República Centroafricana foi ingresada con sintomatoloxía compatíbel.
#ebola (Foto: Nós Diario)
photo_camera Virus do ébola. (Foto: Nós Diario)

[Información actualizada ás 15.15 horas]

Unha muller foi ingresada de urxencia esta madrugada no Hospital de Donostia (Euskadi) após presentar síntomas compatíbeis co ébola como a febre hemorráxica. Debido ao seu estado, as autoridades sanitarias decidiron activar o protocolo por sospeita desta grave doenza, que hai xa case unha década tivo como protagonista a enfermeira galega Teresa Romero, primeira contaxiada en territorio europeo.

Desde o Ministerio de Sanidade sinalan que este protocolo sempre se activa "ante a mínima sospeita" de síntomas compatíbeis co ébola, e aclaran que se trata dun "sistema sensíbel" cando hai indicios. "De momento", afirman, non hai máis información.

O sistema de saúde de Euskadi, Osakidetza, activou o protocolo ante a sospeita dun caso de febre hemorráxica e puxo en marcha os seus recursos especiais de alta seguridade e illamento. Con todo, nestes momentos a OMS non ten activada ningunha alerta por gromo de ébola no mundo.

A persoa presuntamente contaxiada é unha antropóloga vasca procedente da República Centroafricana de 54 anos de idade. Atópase estábel nestes momentos e xa foi trasladada á Unidade de Alta Seguridade Biolóxica do Hospital Universitario Donostia, destinada a pacientes con enfermidades infecciosas graves.

"Moi probábel"

O subdirector Médico da OSI Donostialdea de Osakidetza (Servizo de Saúde Vasco), Xabier Zubeldia, asegurou que a posibilidade de que a muller ingresada no hospital Donostia, ante a sospeita de tratarse dun caso de febre hemorráxica, estea contaxiada de ébola está "xa case descartada" e é "moi improbábel"

"Nunca falamos do cento por cento, pero é moi improbábel", sinalou, para incidir en que "non parece que sexa un ébola, nin un Marburg, nin tampouco unha Malaria grave" e apuntar que a paciente "está ben" e, nestes momentos, a súa vida "non corre perigo".

En declaracións aos medios de comunicación no exterior do Hospital Donostia, Zubeldia destacou que "se actuou de forma rápida" e "non houbo problemas". Así, explicou que a paciente "está ben", atópase "estábel baixo vixilancia" e nestes momentos a súa vida non corre perigo, aínda que "haberá que ver nas seguintes horas, mesmo días".

Comentarios