O Partido Unionista Democrático (DUP) de Irlanda do Norte xa iniciou o proceso para atopar un novo líder, despois de que Edwin Poots presentase a súa dimisión tras 21 días no cargo.
A súa renuncia chegou na noite da quinta feira despois dunha revolta interna debido ao acordo co Sinn Féin arredor da lexislación sobre o gaélico, con Londres como garante do seu cumprimento.
Poots asumira o liderado do DUP nunha igualada votación interna despois de que o partido forzase a saída da até agora primeira ministra de Irlanda do Norte, Arlene Foster. Segundo apuntan os medios locais, o seu rival entón, Jeffrey Donaldson, é o favorito para asumir o cargo.
Reunificación de Irlanda
Por outra banda, continúa a gañar intensidade a cuestión da reunificación irlandesa, tamén na República de Irlanda, despois das palabras do viceprimeiro ministro de Irlanda, Leo Varadkar.
"Creo na unificación da nosa illa e creo que pode suceder durante o meu tempo de vida", declaraba o líder do conservador Fine Gael esta semana.
Na noite da quinta feira, o edificio R&H Hall da cidade de Cork iluminouse cunha imaxe a prol da Irlanda unida representando dous heroes da independencia exalcaldes da cidade, Tomás Mac Curtain e Terence MacSwiney.