mércores 25/11/20

Ducias de detidos nunha protesta en Berlín polas restricións da Covid

A Policía dispersou a masiva concentración, de entre 5.000 e 10.000 persoas, con canóns de auga, ao tempo que o Parlamento alemán aprobaba unha norma para reforzar a capacidade de resposta do Goberno federal.
A Policía utiliza canóns de auga para dispersar a concentración ante a Porta de Brandeburgo (Foto: Paul Zinken / dpa)
A Policía utiliza canóns de auga para dispersar a concentración ante a Porta de Brandeburgo (Foto: Paul Zinken / dpa)

Máis de cen persoas foron detidas durante as manifestacións convocadas hoxe en Berlín, capital de Alemaña, para protestar polas restricións adoptadas para conter a pandemia, que concluíron co uso de canóns de auga por parte da Policía.

Un portavoz policial confirmou que na céntrica Porta de Brandeburgo se concentraran entre 5.000 e 10.000 persoas. Un milleiro máis fíxoo na Ponte Marschall, perto do Parlamento, onde precisamente se aprobou tamén onte por 415 votos a 236 unha norma para reforzar a capacidade de resposta do Goberno federal, que preside Angela Merkel.

As forzas de seguridade interviron despois de os axentes instaren os manifestantes a respectar a distancia e utilizar máscaras, como xa advertiran as autoridades antes da concentración. 

Unha portavoz policial defendeu a actuación "comedida" das forzas de seguridade , "non ao estilo militar", entre outras razóns porque había nenas e nenos nas protestas. Os axentes foron atacados con botellas, pedras e artefactos incendiarios, informaron as axencias internacionais.

Debate no Parlamento

As autoridades sanitarias informaron de 17.561 casos novos de Covid nas últimas 24 horas, que xa son 833.307 desde o inicio da pandemia. Polo menos 13.119 persoas perderon a vida. 

O ministro de Sanidade, Jens Spahn, defendeu no Parlamento a xestión do Goberno e chamou a poboación a ter confianza nas autoridades, advertindo de que a nova suba nos contaxios ameaza con levar ao límite a capacidade dos hospitais, especialmente nas unidades de coidados intensivos. Tamén aclarou que "non haberá vacinación obrigatoria nesta pandemia", a respecto da principal queixa nas protestas.

Deputados da ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) exhibiron carteis durante a intervención de Spahn, proclamando o 18 de novembro de 2020 como "o día de defunción da Constitución alemá".

comentarios